José González destaca o papel da Fundación Laboral da Construción na formación e impulso á cobertura de vacantes no tecido económico galego

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou a sede galega desta entidade, onde remarcou a aposta da Xunta polas microformacións para atender ás necesidades das empresas galegas e favorecer a súa competitividade

Subliñou que a colaboración entre Xunta e Fundación Laboral da Construción permitiu en 2023 realizar 145 accións formativas que beneficiaron a máis de 2.000 persoas

González salientou a importancia do Diálogo Social para atender cuestións fundamentais que afectan a este e outros sectores, como a falta de man de obra, seguir reforzando a saúde laboral dos traballadores ou as taxas de absentismo

Puxo en valor a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia coa ferramenta EMi que se apoia na intelixencia artificial para casar oferta e demanda e mellorar a empregabilidade dos galegos e galegas que busquen activamente traballo

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe a sede galega da Fundación Laboral da Construción, onde puxo en valor o papel desta entidade na formación e impulso á cobertura de vacantes no sector.

Nesta visita, González fixo fincapé na aposta da Xunta por seguir flexibilizando a formación para responder ás necesidades das empresas, solventar os problemas de falta de man de obra e favorecer a competitividade económica de Galicia, ademais da importancia da escoita activa e o Diálogo Social para atender cuestións fundamentais que afectan ao sector da construción e a outros, como pode ser seguir mellorando a saúde laboral dos traballadores galegos ou afrontar as elevadas taxas de absentismo. 

Con ese fin, sinalou, o Goberno galego defende o Diálogo Social, como espazo clave para potenciar o tecido económico-laboral da comunidade galega e abordar os retos xa mencionados, ademais doutras cuestións como é a proposta do Executivo de recortar a duración da xornada laboral -un tema no que a Xunta avoga polo consenso e medir as posibles consecuencias entre empresas e traballadores-.

En relación coa Fundación Laboral da Construción, José González subliñou a súa aposta por mellorar as oportunidades laborais no sector, atendendo as necesidades do mercado laboral e que desenvolve a través dos servizos de emprego especializados cos que conta e operando como axencia de colocación homologada polo Servizo Público de Emprego. Un aspecto, engadiu, que concorda co labor da Xunta co fin de construír xuntos un sector que siga contribuíndo á economía e ao mercado laboral de Galicia.

Colaboración do Goberno autonómico coa Fundación Laboral da Construción

Ademais o conselleiro puxo de relevo a colaboración entre a Administración galega e a Fundación Laboral da Construción a través de diferentes vías como o convenio para a realización de accións formativas de cualificación e recualificación neste sector, financiado pola UE, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Un exemplo das vantaxes desta colaboración son as máis de 2.000 persoas participantes en 145 accións formativas en 2023, cun orzamento de preto de 800.000 euros.  

Outros apoios dos que se se beneficia esta fundación son os destinados ás entidades sen ánimo de lucro para promover a contratación de persoas desempregadas, de mozas e mozos e tamén para cuestións relacionadas con plans de formación ou accións formativas.

Accións da Xunta a prol da empregabilidade dos galegos

González aproveitou para mencionar as accións da Xunta destinadas a casar oferta e demanda no mercado laboral. Entre elas a ferramenta tecnolóxica, EMi, baseada na IA, dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia e pioneira en España e na UE.

Con EMi, lembrou, o Executivo galego busca cubrir a demanda de man de obra, así como atender as persoas que están buscando activamente traballo -ou busquen mellorar o seu emprego actual-. Para iso realiza o labor de perfilado competencial do que se poderán beneficiar máis de 70.000 persoas da iniciativa ata setembro de 2025.

Ademais, lembrou que ata o 6 de agosto poden solicitarse as axudas a entidades de formación para impartir cursos dirixidos a desempregados na convocatoria 2024-2025, cun orzamento de 76 millóns de euros, o máis alto dos últimos 15 anos e co que se aspira a cualificar unhas 18.000 persoas. A maiores, destacou o programa Retorna Cualifica Emprego, que ofrece en orixe traballos de calidade cos que volver a Galicia, complementados con formación e axudas para establecerse.

No ámbito da saúde laboral, José González expuxo que a maior parte dos cursos que apoio a Consellería co módulo transversal de Prevención de Riscos Laborais, están dirixidos ao sector da construción. Neste contexto expuxo que esta materia é prioritaria para a Xunta, que conta con instrumentos como a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, renovada en consenso con patronal e sindicatos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024