O titular do Goberno galego reuniuse co presidente da Deputación de Lugo

Alfonso Rueda e José Tomé acordan impulsar a colaboración en infraestruturas, servizos sociais, emerxencias e turismo

O presidente da Xunta solicítalle formar unha fronte común para demandar unhas conexións máis eficientes para a provincia

Avanza que no primeiro trimestre do ano que vén licitaranse as obras para restituír a estrada LU-651 no punto no que colapsou

Pide que se cumpra a Lei de Dependencia, e que o Goberno central aporte o 50% do financiamento da dependencia

Lugo, 17 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, con quen acordou impulsar a colaboración entre ambas administracións en materia de infraestruturas, servizos sociais, emerxencias e turismo.

Así o explicou nunha rolda de prensa tras a reunión, que cualificou de “construtiva e operativa, na que avanzamos en moitos asuntos”. Con esta xuntanza, remata a rolda de contactos que o titular do Executivo galego comezou o mes pasado co obxectivo de sentarse a falar co presidente da Fegamp, cos das catro deputacións e cos alcaldes das grandes cidades cos que non se tiña reunido: Lugo e Vigo.

Un dos principais temas que se abordaron no encontro foron as conexións e infraestruturas da provincia. Rueda convidou ao presidente da Deputación a facer unha fronte común para pedir unhas mellores conexións para Lugo. Do mesmo modo, tamén convidou a colaboración do presidente para acometer os compromisos en materia de estradas na provincia, co impulso á Autovía da Mariña (A-74), a Ourense-Ponferrada (A-76) e a autovía Lugo-Ourense (A-56).

Ademais, o titular do Executivo galego comprometeuse a crear un grupo de traballo para estudar a petición da Deputación para que a Xunta asuma a titularidade dalgunhas estradas provinciais, así como para avaliar a transferencia de estradas autonómicas á institución provincial. Co obxectivo de “constituílo de maneira inmediata para que os técnicos analicen as posibles estradas que nos poidamos intercambiar mutuamente. Coa condición de que cando se faga ese traspaso, a estrada ten que estar en perfectas condicións”, subliñou.

Tamén avanzou que no primeiro trimestre do próximo ano se licitarán as obras para restituír definitivamente a estrada LU-651, no punto que quedou colapsada polo derrube da explotación mineira da Campa. Ademais, reafirmou o compromiso da Xunta respecto á execución Ronda Leste de Lugo, cun investimento de 20 millóns de euros, e recordou a “necesidade de que exista un consenso”: “É o que lle trasladei á alcaldesa, que temos que lograr o máximo consenso respecto ao mellor trazado”, aclarou Rueda.

Axuda no fogar

Outro dos bloques que centrou o encontro foi a axuda no fogar. O presidente da Xunta manifestou que é consciente de que “é un servizo cada vez máis demandado, máis necesario, cun alto custo para todas as administracións”, e que a Xunta vai responder a esa necesidade: ”Hai un par de anos aumentamos un 24% a nosa aportación, e nesta lexislatura adquirín o compromiso de volver facer un aumento, e imos facelo”, declarou.

Ao mesmo tempo, o presidente salientou a necesidade de que o Goberno central a cumpra a Lei de Dependencia, segundo a cal as comunidades teñen que aportar o 50% do financiamento da dependencia, e o Goberno central o outro 50%. “Agora mesmo non estamos así: nós aportamos o 64%”, precisou Rueda, que pediu ao presidente da Deputación que traslade ao Goberno central a necesidade de que se cumpra a lei: “Se imos atrás nos anos nos que se incumpriu esa obriga, temos unha débeda histórica de 2500 millóns de euros. Eu xa non pido que se devolva esa débeda. Pido que a partir de agora se poña o contador a cero e se cumpra a lei”, afirmou o presidente.

Emerxencias e turismo

Ambos representantes institucionais tamén avanzaron colaboracións noutras materias, como as emerxencias ou o turismo. En materia de emerxencias, o titular do Executivo galego destacou “a magnífica colaboración que hai, que paréceme modélica”, e salientou que a Xunta seguirá cooperando para “chegar a sitios onde, se non, non habería servizos”, a pesar de non ser unha competencia autonómica.

En materia de turismo, invitou á Deputación de Lugo, igual que fixo coa de Ourense, a participar no financiamento dun proxecto de mobilidade sostible na Ribeira Sacra, que suporía que a Xunta aportaría 3 millóns de euros e ambas deputacións provinciais achegarían 1 millón de euros cada unha para impulsar esta iniciativa. Un plan que para Rueda é “importante, e máis nestes momentos, que contribúa á sustentabilidade da Ribeira Sacra en plena candidatura, que vai ben encamiñada, de ser Patrimonio Mundial”, remarcou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024