Román Rodríguez visita a Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo) co gallo da resolución desta convocatoria de axudas

A Xunta concede 53 bonos de innovación para mellorar a capacidade innovadora de 48 pemes galegas e entidades do terceiro sector social

Os beneficiarios poderán contratar servizos de apoio á innovación como o desenvolvemento de novos produtos ou de xestión de financiamento á I+D+i

Acougo destinará esta axuda a validar unha metodoloxía innovadora de intervención psico-social, baseada en Lego Serious Play, para aplicala ás necesidades das familias e dos menores

Nas tres convocatorias de Bonos de Innovación, concedéronse 197 bonos a 177 pemes mobilizando preto de 3,7M€ grazas a un apoio público de 2,5M€

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2023

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou esta mañá en Santiago de Compostela a sede da Asociación de Familias de Acollida Acougo, para dar a coñecer a resolución da liña de axudas Bonos de Innovación.

O titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou que 48 pemes, autónomos, microempresas e entidades do terceiro sector de acción social recibirán 53 bonos para contratar servizos de apoio á innovación (protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos) e xestionar financiamento adicional para I+D+i.

A sede da Asociación de Familias de Acollida (Acougo) recibirá unha axuda de preto de 21.000 euros a través de Bonos de Innovación para validar unha metodoloxía innovadora de intervención psico-social, baseada en metodoloxías de xogo, e adaptala ás necesidades das familias e das crianzas do sistema de protección, tanto en acollemento familiar como residencial. Esta metodoloxía, baseada en Lego Serious Play, permitirá mellorar os servizos que ofrecen, así como ofrecer formación e servizos a outras administracións ou entidades que o demanden.

Datos por empresas e provincias

En conxunto, a Xunta concede preto de 739.000 euros de axuda a través desta liña de axudas, que permitirá mobilizar máis de 1M de euros de investimento en innovación por parte das pemes galegas. En canto á tipoloxía de beneficiario, máis da metade dos beneficiarios son pequenas empresas (50,9%), seguidas de microempresas (37,7%) e medianas empresas (11,3%). Entre elas, destaca a concesión de axudas a tres entidades do terceiro sector de acción social, o que permitirá apoiar a innovación social en colectivos relacionados coa asistencia a familiares con Alzheimer e outras demencias e coa autonomía persoal e o apoderamento das persoas con diversidade funcional, ademais das familias de acollida de menores. Por provincias, practicamente a metade dos Bonos están afincados na provincia de Pontevedra (26), un 34% na da Coruña (18), un 11,3% en Lugo (6) e o 5,7% restante en Ourense (3).

Por modalidade de axuda, o 82,1% dos bonos irán destinados a contratar actividades relacionadas coa protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos. Entre os beneficiarios figuran empresas do sector forestal e da madeira, de maquinaria para a industria da pesca, de alimentación, do sector servizos ou das TIC, entre outros. A axuda media desta liña é de máis de 24.000 euros. Por outra banda, preto dun 11% da axuda total irá para a tramitación de novas solicitudes de financiamento de actividades de I+D+i en convocatorias de axuda estatais e, por último, un 7% do orzamento será para a xestión de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador (ambas cunha axuda media de 4.700€).

Balance de todas as edicións

Desde a posta en marcha desta liña de axudas no 2022, concedéronse 197 bonos a 177 pemes, dos que máis do 86% foron para microempresas e pequenas empresas. Nas tres edicións, mobilizáronse preto de 3,7M€ en innovación nas pemes galegas a través dos máis de 2,5M€ de axudas públicas concedidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024