A Xunta e concello de Riós selan o acordo para a reforma de rúa en Fumaces, mellorando a accesibilidade neste núcleo do municipio polo que pasa a Vía da Prata

A actuación, que suporá un investimento de preto de 307.000 €, forma parte do Plan Hurbe impulsado pola Xunta, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade, como motores de dinamización

A Xunta, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas, asume o 70% do orzamento, preto de 215.000€, e contratará e executará as obras 

Ourense, 17 de xullo de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue e a alcaldesa de Riós, Eva Barrio López, veñen de asinar hoxe na delegación territorial da Xunta en Ourense o convenio de colaboración para executar a obra de  reforma e mellora de rúa en Fumaces. No acto de rúbrica, tamén participou o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo. 

A actuación, que suporá un investimento de preto de 307.000 euros enmárcase no Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas. Neste caso, o obxectivo é mellorar a accesibilidade da poboación deste municipio ourensán e contribuír á mellora paisaxística da contorna do Camiño de Santiago.

A intervención  prevista consistirá no acondicionamento dun tramo da rúa de Fumaces, núcleo pertencente a localidade de Riós e polo que pasa a Vía da Prata. Na actualidade, esta rúa atópase en mal estado de conservación, tendo un pavimento moi deteriorado.

Para iso, baixo este convenio realizarase unha reforma da rúa, levantando o pavimento existente, arranxando aqueles tramos da canalización de augas pluviais que presenten deficiencias e colocando unha nova pavimentación acorde coa contorna do Camiño de Santiago.

A Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención, case 215.000 euros, e contratará e executará as obras.

O convenio asinado hoxe, establece que lle corresponde ao Concello achegar o 30% restante do custe das obras, 92.000 euros; así como a redacción do proxecto das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024