O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, realizou esta mañá unha visita ao hospital público

Gómez Caamaño anuncia o inicio mañá das obras do novo laboratorio de microbioloxía e da área de cardioloxía do Hospital de Monforte ás que a Xunta destina 1 M€

Avanza a previsión da Xunta de licitar este ano o Plan director de reforma integral do hospital, que suporá a reestruturación de 10.000 metros cadrados para habilitar espazos máis amplos, modernos e funcionais

Este verán tamén se licitarán os traballos da área de pneumoloxía e dixestivo, nos que o Goberno galego investirá 1 millón de euros

Lembra as obras levadas a cabo por importe de 1,5 millóns de euros para a posta en marcha do laboratorio de análises clínicas, a ampliación do hospital de día oncohematolóxico e a mellora do servizo de farmacia hospitalaria

Subliña que todas estas actuacións amosan o compromiso do Executivo autonómico pola potenciación dos hospitais comarcais

Monforte de Lemos (Lugo), 17 de xullo de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou que este mesmo xoves comezarán os traballos para a implantación do novo laboratorio de microbioloxía e da área de cardioloxía do Hospital de Monforte nos que a Xunta inviste 1 millón de euros. As obras realizaranse na planta baixa do centro hospitalario e terán un prazo de execución de catro meses e medio.

Durante a visita, esta mañá, ás instalacións do hospital, acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e pola directora do distrito de Monforte de Lemos, Inmaculata Ramos, o conselleiro de Sanidade avanzou, ademais, que este mesmo verán se licitarán os traballos para a implantación da área de pneumoloxía e dixestivo que suporán un investimento autonómico de 1 millón de euros.

Remarcou que o Executivo autonómico segue a traballar no Plan director de reforma integral do Hospital de Monforte, que permitirá reestruturar 10.000 metros cadrados para habitar espazos máis amplos, modernos e funcionais, adaptados ás novas necesidades asistenciais, coa previsión de que ese Plan director se poidan licitar este mesmo ano.

Xunto ás melloras que se van acometer no hospital público, Gómez Caamaño lembrou o investimento de 1,5 millóns de euros que a Xunta xa realizou nos últimos a nos para a posta en marcha do laboratorio de análises clínicas e de bioquímica, para a ampliación do hospital de día oncohematolóxico e para a mellora do servizo de farmacia hospitalaria.

No transcurso da visita Gómez Caamaño tamén puxo en valor o traballo da Xunta para paliar a falta de médicos, un problema xeneralizado en toda España.

Para iso o Executivo galego aprobou unha lei que permite ocupar prazas de difícil  cobertura a través dun concurso de méritos. Unha iniciativa que en hospitais comarcais como o de Monforte de Lemos permitiu que 18 das 22 prazas ofertadas xa estean cubertas e xa se traballa para cubrir as restantes.

Subliñou que todas estas actuacións amosan a aposta da Xunta pola potenciación dos hospitais comarcais e comprometeuse a seguir traballando para garantir a mellor atención sanitaria á cidadanía de Monforte de Lemos e de toda a comarca.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024