O consello de administración de Sogama aproba actualizar o canon pola xestión de residuos de 2024

O importe medio a pagar este ano por parte dos 295 concellos que envían os seus residuos a Cerceda queda fixado en 66 euros por tonelada

A Xunta transferirá nos próximos días 9 millóns de euros ás 295 entidades locais que están adheridas ao modelo Sogama co fin de minimizar o impacto da medida

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024

O consello de administración de Sogama aprobou hoxe a proposta de actualización do canon que aplica aos concellos por asumir a xestión e o tratamento dos seus residuos, en resposta ás decisións do Goberno central adoptadas no último ano e medio e que están a ter un grande impacto económico no custo do servizo. A Xunta, en todo caso, transferirá nos próximos días 9 millóns de euros ás 295 entidades locais que están adheridas ao modelo Sogama co fin de minimizar o impacto da medida.

Así, acordouse que o importe medio a pagar este ano por parte dos 295 concellos que envían os seus residuos a Cerceda quede fixado en 66 euros por tonelada, descontada xa a achega da Xunta ás entidades locais a través dun Fondo de cooperación adicional e que sería de 12 euros/tonelada.

A empresa pública incidiu ante o consello de administración en que, incluso despois de aplicada a actualización proposta, o canon de Sogama seguirá sendo o máis barato de España en comparación co resto de plantas de tratamento de residuos municipais da súa mesma tipoloxía.

A continuación, a empresa pública remitirá este acordo á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que, previo informe do departamento de Facenda e Administración Pública, procederá a aprobar o novo canon deste ano.

Cómpre lembrar que en 2023 Sogama asumiu integramente o encarecemento do servizo en 2023, que ascendeu a un total de 21,9 millóns de euros, debido á entrada en vigor do novo imposto estatal á vertedura e á incineración -contra o que a Xunta xa presentara alegacións-, á recuperación do imposto estatal do valor da enerxía eléctrica e á eliminación da retribución que viña percibindo Sogama polo investimento realizado na súa planta termoeléctrica.

Data de actualización: 17/07/2024