A Xunta comeza hoxe as obras de mellora do firme na estrada AC-566 ao seu paso polos concellos de Valdoviño e Cedeira

A actuación forma parte do contrato de acondicionamento da capa de rodaxe en 3 estradas autonómicas no seu percorrido por 7 concellos da comarca de Ferrolterra, cun investimento que rolda os 1,5 M€

Os traballos que veñen de iniciarse nesta estrada autonómica, continuarán despois  nas estradas AC-110 e AC-564 nos municipios de Cerdido, Moeche, As Somozas, A Capela e As Pontes, Valdoviño

O obxectivo do departamento que dirixe María Martínez Allegue é rematar estas obras este mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses

Os traballos consisten na rehabilitación do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, ademais do repintado das marcas viarias

A Xunta segue traballando para manter as vías nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria, destinando este ano 53 M€ á súa conservación

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de iniciar hoxe as obras de mellora do firme en varios treitos  da estrada AC-566, ao seu paso polos concellos de Valdoviño e Cedeira.

Esta actuación, que suporán un investimento de preto de 1,5 M€, forma parte do contrato de acondicionamento do firme nas estradas AC-110, AC-564 e a propia AC-566, no seu percorrido por 7 concellos da comarca de Ferrolterra.

Os traballos que comezaron hoxe na AC-566, nos concellos de Valdoviño e de Cedeira;  continuarán despois en varios treitos das estradas autonómicas AC-110, nos concellos de Cerdido, de Moeche e das Somozas; e na AC-564, ao paso polos municipios da Capela e das Pontes.

O obxectivo da Xunta é rematar estas obras este mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 5 meses.

O obxectivo destas obras é a rehabilitación localizada do firme mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe, coa finalidade de mellorar as condicións de circulación en varios treitos destas 3 estradas, completado as obras co repintado das marcas viarias.

Nos treitos nos que se considera necesaria unha actuación maior selaranse as fendas e fisuras nunha anchura mínima de 5 cm e un mínimo de 3 mm de espesor.

Nos treitos nos que se detecta un maior número de accesos a vivendas, aparcadoiros e bordos, nos que a rasante da estrada xa se atopa elevada por anteriores actuacións, executaranse fresados localizados de 5 centímetros a carril completo. 

Ademais, naqueles tramos onde se realicen actuacións de recrecido e exista presenza significativa de gretas no pavimento, realizarase a aplicación en quente dun produto de selado sobre as fisuras de anchura non inferior a 5 cm e espesor non inferior a 3 mm.

As actuacións completáranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e os treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

Tamén se procederá ao repintado, en ambos os sentidos da calzada, no caso da estrada AC-110, entre os quilómetros 10+750 e o 10+900, e entre o 18+320 e o 18+420; así como na AC-566, entre os puntos quilométricos 2+220 e 2+750.

O departamento que dirixe María Martínez Allegue continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste ano 53 M€ á súa conservación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024