A Xunta amplía ata os 50 M€ os préstamos directos ante o interese amosado polo tecido empresarial galego

A convocatoria abriuse en xaneiro cun orzamento de 30M€, e desde entón recibíronse xa solicitudes por un importe próximo a esa cifra, motivo polo que o Goberno galego amplía o presuposto nun 70% achegando outros 20M€

O obxectivo é mellorar as condicións de acceso ao crédito de pemes e autónomos, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda nun contexto de aumento dos tipos de xuro

O programa suma cinco liñas con dúas novidades: os préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior; e aqueles para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024

O Goberno galego, a través da Consellería de Economía e Industria, segue a traballar na mellora da competitividade do tecido empresarial galego, facilitando, entre outras accións, o acceso a financiamento de pemes e autónomos galegos nun escenario como o actual marcado por tipos de xuro máis elevados.

Neste marco, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación da liña de préstamos directos do Igape ata os 50 millóns de euros. Un incremento levado a cabo ante o crecente interese e a demanda do tecido empresarial galego neste programa. No en van, destináronse inicialmente 30M€, abríndose o prazo de presentación de solicitudes o pasado 16 de xaneiro.

Desde entón, téñense recibido xa solicitudes por un importe próximo a eses 30M€, motivo polo que o Goberno galego amplía agora o orzamento inicial nun 70%, achegando outros 20M€ adicionais para facer fronte á demanda estimada ata o fin de prazo establecido, que se mantén a finais do mes de novembro.

Cómpre lembrar que a convocatoria presentaba desta volta dúas grandes novidades: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior; e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.

No tocante á liña de internacionalización, está previsto financiar a empresas con centros de traballo en Galicia que poñan en marcha novos establecementos, sucursais ou filiais en ata 60 países dos cinco continentes.

O importe mínimo dos préstamos oscilará entre os 300.000€ e un máximo de 1M€, contribuíndo á expansión do tecido empresarial galego, que segue a consolidar os rexistros históricos en exportacións tras superar o ano pasados os 30.000 M€ en vendas ao exterior.

A segunda novidade céntrase na industria manufactureira, artellándose os mecanismos necesarios para a concesión de préstamos ás empresas do sector na procura de acomodar a devolución dos mesmos ao diñeiro xerado polas operacións da empresa. O  importe dos préstamos oscilará tamén entre 300.000€ e 1M€, cunha duración de oito anos con dous de carencia.

Investimentos estratéxicos, centros tecnolóxicos e naval

Así mesmo, e como vén sendo habitual, o programa atende tamén aos investimentos estratéxicos de pemes e autónomos, promovendo a creación de novas instalacións e a mellora das existentes, ou o incremento da súa capacidade produtiva.

Cubrindo ata o 50% do investimento a financiar, cun máximo de 5M€, neste caso os préstamos terán unha duración de ata doce anos coa posibilidade de incluír carencia na amortización principal.

Ademais, os préstamos directos financiarán actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para o tecido empresarial galego. Nestes casos, o seu importe oscilará entre 75.000€ e 1,5M€, cubríndose ata un máximo do 75% do investimento financiable.

Así mesmo, atenderase tamén as operacións levadas a cabo pola industria auxiliar naval, co obxectivo de apoiar a estas empresas facilitándolles o financiamento a longo prazo. O importe mínimo do préstamo será de 300.000 euros e o máximo de 1M€ euros, resultando o prazo de devolución de ata seis anos, incluíndo dous de carencia, cun tipo de xuro bonificado.

Máis de 100 M€ mobilizados

Desde a súa activación no 2019 lévanse concedido operacións ao abeiro deste programa por un importe total de préstamos de máis de 63 millóns que suman un investimento mobilizado de máis de 104 millóns.

Deste xeito, o Goberno galego reforza o seu compromiso cos autónomos e empresas galegas para facilitarlles o acceso ao financiamento nas condicións máis favorables posibles, potenciando o mantemento e creación de emprego, a innovación, o desenvolvemento e mellora das empresas existentes, a creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais e o financiamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2024