A Xunta lamenta que os 500 M€ que o Goberno central prometeu para un plan de reforzo das matemáticas e a lectura se queden en 95

Os representantes da Consellería que participaron na Comisión Xeral de Educación expuxeron que os 5,27M€ que lle corresponden a Galicia son insuficientes para levar a cabo as melloras necesarias

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia lamenta que o Goberno do Estado rebaixe de 500 a 95 millóns de euros para o conxunto de España a dotación inicial para un Plan de reforzo en Matemáticas e Lectura prometido polo presidente do Goberno do Estado nun acto de campaña electoral o pasado mes de xaneiro. 

A contía de 95M€ -dos cales 5,27 lle corresponden a Galicia- foi comunicada hoxe polo Ministerio de Educación e Formación Profesional durante a reunión da Comisión Xeral de Educación, á que asistiron en representación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP o secretario xeral técnico, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. Os representantes do departamento educativo do Goberno galego trasladáronlle aos responsables estatais que se trata dunha partida insuficiente para levar a cabo os programas de mellora necesarios neste eido, máxime cando se partía dunha proposta inicial de 500M€.

Non obstante, e pese á falta de apoios por parte do Goberno central, Galicia continuará coa súa folla de ruta con accións específicas de apoio para consolidar un modelo educativo propio, baseado na calidade, na convivencia, na equidade e na igualdade de oportunidades. Non en balde, a comunidade galega é unha das que máis inviste por alumno. 

Data de actualización: 16/07/2024