A Xunta licita as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía por 19 M€

O futuro edificio de dúas plantas albergará 18 consultas de medicina xeral, 17 de enfermería, 6 de pediatría e 5 de enfermería pediátrica

Ocupará unha superficie construída de 8.300 m², xerará dúas novas prazas abertas cara á cidade e aos viarios aos que dá fronte, a avenida da Mariña e a rúa Elpidio Villaverde

As empresas teñen de prazo ata o 20 de agosto para presentar as súas ofertas e as obras teñen un prazo de execución de 24 meses

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 16 de xullo de 2024

A Xunta vén de licitar hoxe as obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, nas que investirá un orzamento de 19 M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitaron hoxe o espazo onde se situará o futuro edificio e anunciaron que as obras iniciaranse a finais deste 2024. 

María Martínez Allegue destacou que a nova infraestrutura sanitaria, que a Consellería executará como encomenda do Sergas, “vai supoñer un antes e un despois na calidade asistencial” en Vilagarcía e “amosa o compromiso da Xunta coa sanidade pública e co coidado das persoas”. “O noso obxectivo -indicou- é axilizar os prazos e traballaremos arreo para que este novo centro sexa unha realidade canto antes para a cidadanía de Vilagarcía”. Hai que sinalar que as empresas teñen de prazo ata o 20 de agosto para presentar as súas ofertas.

A conselleira subliñou así mesmo o deseño arquitectónico do futuro inmoble, “onde prima tanto a calidade como a funcionalidade” e que o converterá en referente, ao xerar coa súa forma de dobre U dúas novas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte (avenida da Mariña e rúa Elpidio Villaverde).

M. Allegue incidiu en que, ao igual que no resto das infraestruturas sanitarias que se están a desenvolver, buscouse “crear un espazo que facilite tanto o traballo do persoal sanitario, como procurar o benestar dos usuarios que van ser atendidos”.

Ademais,  quixo destacar tamén a colaboración entre administracións no proceso de posta a disposición dos terreos portuarios da antiga Comandancia “grazas a un protocolo asinado entre a Xunta, o Concello e Autoridade Portuaria”.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, incidiu na importante mellora que suporá o novo centro de saúde para a poboación de Vilagarcía de Arousa que disporá dunha infraestrutura sanitaria máis moderna e innovadora que ofrecerá “máis funcionalidade e máis prestacións”.

Explicou que o novo centro de saúde disporá de máis consultas de medicina de familia, máis consultas de pediatría, así como de enfermería e de enfermería pediátrica, e suporá unha mellora e ampliación das prestacións sanitarias.

Será “un centro de saúde do século XXI, para unha Vilagarcía do século XXI”, remarcou.

Deseño e plan funcional

O futuro centro ocupará unha superficie construída de 8.300 m² e terá forma de dobre U, que xerará ademais dúas prazas abertas cara á cidade e cara aos viarios aos que dá fronte (Avenida da Mariña e rúa Elpidio Villaverde).

Nestas novas prazas, xogará tamén un papel moi importante a vexetación, que se disporá tanto nos percorridos peonís como a zona viaria, e servirá como nexo de unión coa zona do porto. O peche exterior executarase con celosías elaboradas con madeira de batea que filtran a luz natural e preservan a privacidade, mentres que as salas de espera e áreas comúns do edificio acondicionaranse con espazos vidrados con control solar e madeira vista no interior, que buscan conferir ao edificio un carácter máis amable.

Ampliación de consultas

O plan funcional establecido para o novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa prevé chegar ás 18 consultas de medicina xeral, outras 17 consultas de enfermería (4 máis), 6 consultas de pediatría e 5 de enfermería pediátrica.

As instalacións contarán tamén con 2 consultas de odontoloxía, 2 consultas de hixienista dental, 2 consultas de fisioterapia, 1 consulta de nutricionista, outra de psicoloxía, 1 consulta da muller, 2 consultas de matrona, 1 consulta de rehabilitación, 5 consultas de docencia e 3 consultas polivalentes; ademais de sala de técnicas, sala de toma de mostras, sala de lactancia, sala de educación para a saúde ou sala de rehabilitación con 6 cabinas.

A área do PAC disporá de dúas salas de espera independentes, área de respiratorios, 3 consultas de medicina, 2 consultas de enfermería, 1 consulta de reanimación e 1 consulta de observación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2024