Medio Rural convoca por primeira vez unha poxa de 56 animais criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo os vindeiros 23 e 24 de xullo

En concreto, allearanse vacas de raza Rubia Galega destinadas para reprodución, podendo poxarse por animais sen cría ou con cría

A licitación e información dos lotes poden consultarse na web da Axencia Galicia da Calidade Alimentaria e as ofertas presentaranse pola sede electrónica da Xunta, se ben, os interesados poderán facer unha visita os días 22 e 23 deste mes

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), por primeira vez, a convocatoria dunha poxa pública de 56 animais vacúns de raza Rubia Galega criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) que terá lugar o 24 de xullo. Esta poxa é posible debido ao gran número de animais cos que se contan neste centro, os cales se queren poñer a disposición dos gandeiros interesados.

Os animais polos que se poderán poxar destinaranse para reprodución e hai dous tipos de lotes de poxa, xovencas nadas entre 2021 e 2022 sen cría ou con cría. A licitación e a informacións dos lotes poden consultarse na web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e as ofertas presentaranse ao longo dos días 23 e 24 de xullo a través da sede electrónica da Xunta.

Ademais, os licitadores interesados terán a oportunidade de visitar o CIAM para ver de xeito presencial os animais. Isto desenvolverase nas xornadas do 22 e 23 de xullo no propio centro dependente da Consellería do Medio Rural. A disposición dos interesados está o número de teléfono 881 881 806 para resolver calquera dúbida.

Potenciación desta raza autóctona

O CIAM desenvolve numerosas investigacións, entre as que se atopan aquelas relacionadas coa raza autóctona Rubia Galega e a súa potenciación. Os traballos buscan mellorar a calidade deste gando e favorecer a rendibilidade das explotacións que manexan este tipo de animais.

Cómpre destacar que o centro conta cunha finca de máis de 300 hectáreas, das cales 65 se reservan para rabaños de rubia galega, que son dos máis importantes que se conservan ao preservar mellor a súa pureza por non depender de intereses comerciais.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240716/AnuncioG0528-110724-0001_gl.html.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2024