O delegado territorial da Xunta participou esta mañá no inicio do obradoiro ‘Girl Steam’, en Leiro

Manuel Pardo subliña as actividades e a implicación da Xunta pola presenza da muller no eido tecnolóxico

Para o delegado territorial trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM

O obradoiro ‘Girl Steam’ é iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico

No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento

Ourense, 16 de xullo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá á Aula CeMIT de Leiro para participar do inicio do obradoiro ‘Girl Steam’; unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e fomentar a presenza das mulleres nas carreiras Steam. Manuel Pardo estivo acompañado polo alcalde, Francisco José Fernández e pola directora da Aula CeMIT, Alicia Vázquez.

O delegado territorial sinalou que se trata de impulsar actividades desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM a través de obradoiros prácticos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas.

Manuel Pardo explicou que na provincia de Ourense desenvolverase esta actividade tamén no concello de Celanova os vindeiros 31 de xullo e 12 de agosto; en total 14 concellos de toda Galicia. Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.

Participan 15 rapaces e rapazas de entre 8 a 11 anos, que se achegarán ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenderán a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuarase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.

Para o representante do Goberno galego trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas) e apostar por profesións do ámbito TIC.

No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.

Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e o CPETIG co obxectivo de estimular o talento no ámbito das TIC e espertar vocacións tecnocientíficas.

A aposta da Amtega polo fomento do talento dixital galego

Esta actuación forma parte do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, que conta cun eixe especificamente dirixido a impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado, prestando especial atención á fenda de xénero.

Así, cada ano, o catálogo de actuacións do Plan DigiTalent conta con iniciativas destinadas a todos os públicos, entre as que destacan as accións lúdico-formativas e as experiencias inmersivas como o Programa Tecnólog@ por un día ou o Programa Tech Kids, impulsado en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Con estas actividades, búscase espertar o interese dos máis cativos nas disciplinas científico-tecnolóxicas e nas novas profesións dixitais; ao tempo que se pon en valor o rol que xoga o talento feminino no sector TIC, promovendo o aumento da taxa de mulleres nos novos desenvolvementos dixitais.

Reunión co alcalde de Leiro

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no municipio para manter un encontro co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.

Manuel Pardo, despois de repasar asuntos de interese mutuo para as dúas administracións e avaliar posibles vías de colaboración, trasladoulle “o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello de Leiro”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2024