A Xunta visita en Bolivia os proxectos financiados a través da Cooperación Galega en Charagua e a Chiquitanía

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE visitou as actuacións de cooperación para o desenvolvemento executadas pola Fundación Entreculturas Fe e Alegría en agrupación coa Fundación Taller de Solidariedade e por Médicos do Mundo

Bolivia é considerado país prioritario para a Cooperación Galega e ten recibido case 7M€ a través dos cinco Plans directores executados

San Ignacio de Velasco (Bolivia), 16 de xullo de 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, continúa a súa viaxe institucional en Bolivia co obxecto de visitar os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que a Xunta está a financiar nese país.

Durante as xornadas de onte e hoxe a delegación galega tivo oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos que Médicos do Mundo está a executar na rexión da Chiquitanía. O primeiro deles, Rompendo barreiras, pretende contribuír ao exercicio do dereito á saúde e á mellora do acceso a servizos de saúde sexual e reprodutiva de mozos e adolescentes, con especial atención a persoas con discapacidade. 

Para a súa correcta execución, contan co apoio do socio local, a Xerencia de Rede de Saúde Velasco. Deste xeito, os representantes da Cooperación Galega coñeceron os centros de Atención Integral Diferenciada de Adolescentes (AIDA) dos municipios integrados na Rede de Saúde Velasco, San Miguel, San Rafael e San Ignacio de Velasco.

Co outro proxecto financiado pola Xunta, A saúde das mulleres, Médicos do Mundos trata de contribuír á mellorar do acceso a servizos de saúde sexual e reprodutiva das mulleres, promovendo a implementación de políticas públicas inclusivas desde unha perspectiva de equidade para alcanzar a igualdade de xénero, para o cal se traballou en fortalecer o sistema público de saúde en atención primaria.

Nos dous días anteriores á visita á Chiquitanía, a delegación da Xunta trasladouse a Charagua onde está a traballar a Fundación Entreculturas Fe e Alegría en agrupación coa Fundación Taller de Solidariedade na execución dun proxecto de empoderamento económico, social e político de mulleres guaranís da Autonomía Indíxena Charagua Iyambaé. A través deste proxecto financiado pola Cooperación Galega, 300 mulleres guaranís recibiron formación técnica e acompañamento para a posta en marcha de emprendementos. O socio local das ONGD galegas responsable da execución sobre o terreo desde proxecto é a Fundación Instituto Radiofónico Fe y Alegría (IRFA).

Desde a súa chegada ao país o pasado día 11 de xullo, a delegación galega tivo oportunidade de visitar, ademais destes proxectos, outros en materia de saúde pública executados por UNICEF e por a Fundación dos Rotarios Españois, en Cochabamba e Santa Cruz da Serra, respectivamente, grazas ao financiamento da Cooperación Galega.

Bolivia é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega polo seu vínculo histórico e pola presenza e traballo de numerosos axentes galegos de cooperación.

O seu carácter prioritario aparece recollido nos Plans Directores que rexen a política pública de cooperación para o desenvolvemento do Goberno galego dende o 2006 á actualidade, o que explica o volume de axuda canalizada ao país neste período. De feito, o importe destinado a este Estado acadou case os sete millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2024