A Xunta impulsa a comercialización da marca Artesanía de Galicia a través dunha tenda efémera en Sanxenxo que estará aberta nos meses de xullo e agosto

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá a tenda pop up froito da colaboración de Artesanía de Galicia coa marca galega de moda D-due

Nela pódense atopar pezas de 28 obradoiros artesanais galegos especializados en olería, madeira, cerámica, coitelos, cestería tradicional ou téxtil, entre outros

A tenda permanecerá aberta durante os meses de xullo e agosto na rúa Luis Vidal Rocha, 6, en horario de 10,30 a 14,30 h e de 16,30 a 20,30 h

Sanxenxo (Pontevedra), 16 de xullo de 2024

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración promove a comercialización da marca Artesanía de Galicia nunha tenda pop up organizada en colaboración coa marca de moda D-due. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse esta mañá ata Sanxenxo para visitar este punto de venda efímero que estará aberto ata o vindeiro mes de agosto na rúa Luis Vidal Rocha, 6. Trátase do cuarto ano consecutivo no que a Xunta colabora nesta iniciativa coa que se busca amosar unha escolma do talento artesán galego, do feito á man e da alta calidade da moda, vinculada a unha empresa téxtil con proxección internacional como é D-due.

Na edición deste ano pódense atopar pezas de 28 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en olería tradicional, madeira, cerámica, cestería e labores de palla, xoiería, coiro, elaboración e reparación de redes, tecido, bordado, coitelos, elaboración de figuras con miga de pan (sanandresiños), gravado, encaixe, bixutería, elaboración de complementos e xoiería en vidro.

Os obradoiros dos que se poden mercar pezas durante todo o verán en Sanxenxo son Alberto Lista e Alfarería Rulo, de Buño (Malpica de Bergantiños); Rectoral de Gundivós (Sober); os obradoiros da Coruña Arobe Cerámica, Artefíos, Víctor Ares, Susana Anta e D-Raíz; os da Estrada, Druída e Atalanta Madera; os obradoiros composteláns Variopinto, Laura Triñanes e Contraform; Jorge Bellón (Cedeira); Redeiras artesás, de Corme (Ponteceso); Armaior (Quiroga); Concha Canoura (Culleredo); Celso Ferreiro (A Fonsagrada); Laura Delgado (Cambre);  os profesionais de Vigo A Casa Rodante e Antonio Suárez; Fundación Terra Termarum Castrolandín (Cuntis); Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); Olería do Batán (Baños de Molgas); Santiago Besteiro (Monterroso); Gaia Cerámica (Gondomar); Rosa Méndez (Teo) e M. Isabel Liñares Recimil (Silleda).

D-due

D-due é unha empresa téxtil de Rianxo con orixe no ano 1960, dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo desde a década dos 90. Ao longo de máis de vinte anos de traballo, a marca ten amosado as súas creacións nas principais semanas internacionais da moda, ademais de ter presenza nunha ampla variedade de puntos de venda de Xapón, Italia, Francia ou Corea do Sur.

A marca Artesanía de Galicia xa ten colaborado noutras ocasións con D-due en eventos de comercialización conxunta como o que se desenvolve este verán en Sanxenxo. No ano 2016, Artesanía de Galicia viaxou a Xapón da man de D-due para amosar o traballo de varios obradoiros artesáns e foi grazas a este tipo de colaboracións que o noso sector artesán puido introducirse no mercado xaponés a través da cadea de tendas HP France, que conta con case un cento de establecementos en Xapón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2024