A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue leva a campaña “Somos Olímpicos” ata Allariz

Este municipio foi un dos de máis elevada participación da provincia de Ourense no pasado ano 2023, con 48 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) leva o mércores 17 de xullo ata Allariz, a campaña especial de doazón “Somos Olímpicos”, que tenta sensibilizar á cidadanía galega da importancia do solidario xesto da doazón de sangue nos meses de verán.

Deste xeito, unha unidade móbil de ADOS estará estacionada no Campo da Barreira de Allariz, das 09:45 ás 14:30 e das 16:00 ás 21:00 horas,  para atender a todas as persoas que desexen participar. Ademais, xunto á unidade móbil disporase unha montaxe alusiva aos Xogos Olímpicos e todos os doantes recibirán, como agasallo, unha camiseta co lema da campaña.

Esta iniciativa desenvolverase en 23 concellos galegos e forma parte da campaña especial de doazón de sangue nos meses de verán, un período especialmente sensible, xa que os meses estivais presentan dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para o mantemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos. ADOS lembra que, todos os días, son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue e, nos meses de verán, debido á deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións, é preciso reforzar o permanente chamamento á solidariedade que a Axencia traslada á cidadanía.

Concello solidario

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que, no pasado ano 2023, Allariz rexistrou un total de 303 doazóns de sangue, o que supuxo a obtención dun índice de 48 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, situándose entre os concellos con maior taxa de doazón da provincia de Ourense. Neste sentido, ADOS quere trasladar a todos os veciños e veciñas deste concello o seu recoñecemento polo seu altruísmo e solidariedade.

Así mesmo, a Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal polo seu decidido e constante apoio ás iniciativas destinadas a promover a doazón de sangue, tanto nesta campaña especial “Somos Olímpicos”, como no resto de visitas das unidades móbiles de ADOS desenvolvidas en Allariz durante todo o ano.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2024