O presidente participou na inauguración da exposición ‘Pontevedra no tempo’

Rueda salienta a importancia da cultura para mostrar a identidade das cidades

Destaca a exposición como unha gran forma de coñecer a singuralidade propia da cidade

Agradece a posta en marcha de todas as iniciativas culturais na comunidade en prol de todos os galegos

Pontevedra, 15 de xullo de 2024

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, salientou hoxe a importancia da cultura á hora de mostrar a identidade das cidades e de facela accesible e recoñecible para todos os cidadáns.

Así o salientou esta noite na inauguración da exposición Pontevedra no tempo, na sede social de Afundación, á que acudiu acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Esta exposición é a última das sete mostras que compoñen Cidades no tempo, un proxecto expositivo organizado pola Fundación Cidade da Cultura e Afundación que se iniciou en 2022 co obxectivo de reivindicar a identidade urbana de Galicia. A de Pontevedra está composta dun cento de obxectos físicos e de 120 pezas dixitais e estará aberta ao público desde hoxe ata o 7 de setembro.

Despois de realizar unha visita polo percorrido da mostra, o presidente da Xunta destacouna como un gran acerto porque permite a todos os pontevedreses e galegos coñecer mellor a identidade colectiva da cidade, así como a súa singularidade e beleza propia.

Neste sentido, Rueda valorou a contribución dos proxectos culturais para enriquecer a memoria colectiva das cidades e pobos de Galicia, e agradeceulle aos impulsores dos proxectos culturais que se están desenvolvendo na comunidade a súa iniciativa en prol de todos os galegos.

Ademais, o presidente do Goberno galego apuntou que para el foi unha exposición moi especial, xa que lle permitiu pasear polos espazos actuais e da súa infancia pero vistos con outros ollos, e descubrir como eran hai máis tempo.

Iniciativa dentro do ‘CulturOn’

Pontevedra no tempo é unha das máis de 30 actividades diarias incluídas dentro do CulturOn, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia que recolle todas as actividades culturais que se van desenvolver neste período estival por máis de 200 concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024