A delegada da Xunta en Ferrol destaca o traballo da ASCM a prol da inclusión das persoas con discapacidade na clausura do curso Rodas

Ferrol, 15 de xullo de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde na entrega de diplomas do curso Rodas: formación específica en cadeira de rodas, a 10 dos 12 alumnos que tomaron parte nesta acción formativa promovida por primeira vez pola asociación cultural ASCM co financiamento da Xunta de Galicia a través da liña de axudas con cargo á asignación tributaria 0,7 % do IRPF.

O alumnado, persoas con discapacidade, formouse no mantemento e reparación de cadeiras de rodas. O curso tivo unha duración de 216 horas repartidas en seis módulos que se impartiron entre os meses de febreiro e xullo.

A delegada territorial trasladoulles aos alumnos as súas felicitacións por ter concluído esta formación coa que “melloran a súa cualificación e habilidades necesarias para poder acceder en igualdade de oportunidades ao mercado laboral”, e puxo en valor unha vez máis o traballo realizado desde a ASCM a prol da inclusión real das persoas con discapacidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024