Rueda informa da autorización da contratación das obras de rehabilitación de 4 edificios para crear 14 vivendas para alugamento social en Ourense, Ribadavia e Tui

Salienta que unha das liñas da política de vivenda da Xunta é apostar pola rehabilitación, especialmente nos cascos históricos, o que tamén permite “darlles vida e evitar a súa degradación”

A licitación destes contratos dividirase en tres lotes distintos, un por municipio, e suporá un investimento global de preto de 3,2 millóns de euros

Os inmobles foron adquiridos pola Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no marco do Programa Rexurbe, por un importe de máis de 630.000 euros e están situados nos conxuntos históricos destes concellos

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o seu visto e prace á contratación das obras de rehabilitación de catro edificios para crear 14 vivendas para alugamento social no núcleo histórico da cidade de Ourense e nos núcleos das vilas de Ribadavia e Tui.

O titular do Executivo autonómico sinalou que unha das liñas da política de vivenda da Xunta é apostar pola rehabilitación, especialmente nos cascos históricos, o que ademais permite “darlles vida e evitar a súa degradación”.

As actuacións cuxa licitación autorizou hoxe o Goberno galego suporán un investimento global de preto de 3,2 millóns de euros. A contratación das obras realizarase por lotes co obxectivo de rehabilitar estes catro inmobles adquiridos pola Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), no marco do Programa Rexurbe, por un importe de 633.359 euros.

Todas as vivendas rehabilitadas serán cualificadas como de promoción pública, polo que pasarán a formar parte do parque de vivendas propiedade da Xunta e serán adxudicadas en réxime de alugamento social, para o que se recorrerá ás persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.

A licitación destes contratos autorizados hoxe polo Executivo autonómico dividirase en tres lotes distintos, un por municipio. En conxunto, o obxectivo é habilitar un total de 14 vivendas, e inclúese a habilitación de 14 rochos e 3 de locais.

O lote primeiro correspóndese coa contratación das obras de rehabilitación integral de dous edificios na cidade de Ourense.

Un dos inmobles en que se vai a actuar está situado na praza de Manuel Sueiro, 3-esquina Liberdade 28, no núcleo histórico, e o obxectivo é destinalo a 5 vivendas de promoción pública (unha delas adaptada), que contarán, ademais, con 5 rochos e 1 local. A superficie construída total será de 740,96 m2 e o orzamento de licitación das obras rolda o 1,1 M€.

Este edificio que se vai rehabilitar procede da agregación das parcelas situadas na rúa Liberdade 28 e na praza Manuel Sueiro 3, que foi aprobada polo Concello de Ourense con base no estudo de detalle presentado polo IGVS.

O segundo inmoble sitúase na rúa Pelaio 9, tamén no núcleo histórico de Ourense, e destinarase a 1 vivenda de promoción pública. O inmoble que se vai rehabilitar ocupa toda a parcela, cunha superficie de 49,97 m2 , e consta de planta baixa, tres plantas e baixo cuberta; a súa superficie construída é de 187,77 m2. O orzamento desta obra achégase aos 253.000 euros.

No concello de Ribadavia o obxectivo é realizar traballos nun edificio en esquina, situado na praza García Boente, 1, para destinalo a 5 vivendas de promoción pública, 5 rochos e 1 local.

Esta edificación está situada en solo cualificado como solo urbano consolidado, dentro do ámbito do núcleo histórico de Ribadavia. O soar ten unha superficie de 260 m2, que serán ocupados na súa totalidade pola edificación. A superficie construída é de 855,51 m2 e o orzamento da obra supera o 1,1 M€.

En Tui, na provincia de Pontevedra, proponse a contratación das obras de rehabilitación integral dun inmoble na rúa Bispo Castañón, 20, para dedicalo a 3 vivendas de promoción pública, 3 rochos e 1 local. Esta edificación está situada en solo cualificado como solo urbano consolidado, dentro do ámbito do núcleo histórico da vila. A superficie construída é de 663,4 m2 e o orzamento de licitación da obra supera os 692.000 euros.

Todos os proxectos compren o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En concreto, teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024