Rueda destaca que a Xunta destinará case 12 M€ nos próximos dous anos para a xestión da rede pública de albergues

Destaca que son un total de 79 instalacións que ofrecen máis de 3.500 prazas en todos os camiños recoñecidos oficialmente

Reafirma o compromiso da Xunta por garantir a boa atención dos peregrinos, cuxa chegada medra a un ritmo do 15%, e lembra que o Goberno galego segue traballando para o Xacobeo 2027

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello vén de aprobar a licitación do novo contrato de xestión dos albergues públicos para peregrinos, no que se investirán uns 12 millóns de euros nos próximos dous anos.

Rueda destacou o “importante auxe” na afluencia de peregrinos que se ten detectado nos últimos tempos. Neste sentido, citou as “cifras de récord” que supoñen as 235.000 compostelas entregadas ata o momento, o que supón medrar “a un ritmo medio” dun 15% respecto ao ano anterior, no que xa se acadaran cifras históricas. Engadiu que estes datos non teñen en conta que se estima que “chegan un 30% máis” de peregrinos que non recollen esta acreditación.

Co obxectivo de que estes peregrinos “teñan a mellor experiencia ao seu paso por Galicia”, o Consello da Xunta aprobou hoxe esta partida. O expediente de gasto derivado desta contratación inclúe o servizo de atención ao peregrino, limpeza e xestión de cobramento. Trátase dun orzamento prorrogable a outros dous exercicios: así,  tendo en conta as prórrogas e posibles modificacións de contrato, tería un valor estimado total de 22 M€.

Deste xeito, está previsto que a empresa que resulte adxudicataria do novo contrato xestionará un total de 79 albergues de peregrinos, con algo máis de 3.500 prazas “presentes en todos os camiños recoñecidos oficialmente”, segundo precisou o titular do Executivo galego. Nestes momentos a Xunta xestiona directamente 62, e outros 13, aínda sendo titularidade do Xacobeo, están xestionados por concellos e outras entidades. O contrato ten en previsión, ademais, a posibilidade doutras catro posibles aperturas máis, que serían cubertas no contrato.

Ademais de albergues, a empresa tamén xestionará outros tres puntos ou centros de interpretación e información aos peregrinos que xestiona a S.A. Xacobeo no Cebreiro, o Centro de Interpretación do Camiño Norte en Mondoñedo e o Centro de Interpretación do Camiño Primitivo en Lugo.

Deste xeito, explicou Rueda, a Xunta segue traballando na planificación do Xacobeo 2027, que se está presentando “coas mellores perspectivas vista a crecente afluencia de peregrinos nestes últimos anos”. 

Amplitude de servizos

Os servizos que se inclúen na contratación aprobada hoxe son, entre outros, o control de acceso, información, atención, e apertura e peche dos albergues e puntos de información, segundo os requirimentos descritos no prego de prescricións técnicas. A empresa adxudicataria tamén se encargará da limpeza das dependencias, mobiliario, aparellos, enxoval e outros aveños dos albergues e puntos de información, para o que achegará o material preciso, segundo os requirimentos descritos no prego de prescricións técnicas. Tamén está prevista a xestión do cobramento do prezo establecido polo uso dos albergues e, en xeral, calquera outra función relacionada co servizo que poida encomendarlles a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, de acordo co previsto nos pregos e no contrato.

A licitación do servizo será mediante o procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada. A achega da Xunta de Galicia para o financiamento da  presente contratación supera os 11,7 M€ nos dous primeiros anos do contrato e ten un valor estimando de máis de 22 M€ (tendo en conta as posibles prórrogas de dous anos e posibles modificacións de contrato).

O orzamento inclúe os custos dos recursos humanos calculados en función dos custos laborais estimados, tendo en conta o convenio colectivo de referencia vixente, así como os custos directos dos recursos materiais de execución do servizo: sabas desbotables estimadas en función das posibles pernoctacións nos albergues, produtos e materiais de limpeza, lavandaría e outros produtos e servizos necesarios para levar a cabo o obxecto do contrato recollidos no prego de condicións técnicas, tendo en conta os outros custos asociados á execución material do servizo (medios auxiliares, seguros, gastos financeiros, etc.), así como os demais custos asociados directa ou indirectamente aos devanditos medios que sexan necesarios para o desenvolvemento adecuado da totalidade do servizo. Os cálculos das estimacións realízanse tendo en conta os prezos de mercado e baseándose na experiencia da Sociedade en contratos anteriores; inclúense ademais os gastos xerais de estrutura de empresa e o beneficio industrial.

Este tipo de contrato para a xestión da Rede pública de albergues do Xacobeo está vixente desde a posta en marcha da rede no ano 1993 e foi evolucionando nos últimos anos, xa que ao principio se encargaba de limpeza e atención, pero desde o ano 2008 tamén se incluíu a xestión do cobramento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024