Rueda anuncia a concesión das Medallas de Galicia 2024 a Luis Tosar, Zaza Ceballos e á Academia Galega do Audiovisual

Destaca que a entrega deste ano recoñece o audiovisual galego como sector artístico e estratéxico a través de dous nomes singulares da interpretación e da produción e dun colectivo profesional que defende os intereses dese ámbito

As condecoracións, que constitúen a “maior distinción” outorgado pola nosa Comunidade autónoma, entregaranse nun acto que terá lugar o 24 de xullo en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe da aprobación no Consello do decreto que concede as Medallas de Ouro de Galicia ao actor Luis Tosar, á produtora Zaza Ceballos e á Academia Galega do Audiovisual. O xefe do Executivo galego sinalou que os recoñecementos deste ano, que constitúen “a maior distinción” que outorga a Comunidade autónoma galega, recaen en dous nomes propios e nun colectivo asociativo que dignifican o audiovisual galego como sector artístico e estratéxico.

Rueda referiuse á distinción de Luis Tosar como intérprete de teatro, cine e televisión que chegou ao máis alto a nivel nacional e internacional converténdose nun “dos artistas galegos máis recoñecidos e coñecidos”; de Zaza Ceballos como unha das “grandes mulleres pioneiras no sector”, coa divulgación das figuras históricas femininas galegas desde a pequena pantalla  a través da súa produtora Zenit; e do incesante traballo da Academia Galega do Audiovisual a prol do desenvolvemento e visibilidade do sector, dando cabida “a un sector cada vez máis numeroso,cada vez máis potente e cada vez máis referente”.

Luis Tosar conta cunha traxectoria na que figuran tres Premios Goya, dous Premios José María Forqué e cinco Premios Mestre Mateo. Desde os seus comezos no teatro profesional galego nos anos 90, formando parte de elencos, entre outras compañías, do Centro Dramático Galego, a súa carreira como intérprete non deixou de medrar a través de papeis protagonistas en películas e series desde a súa participación na aclamada Mareas Vivas, de Televisión de Galicia. Algúns dos seus filmes máis celebrados de entre os máis de 60 títulos que ten ás súas costas están Los lunes al sol, Te doy mis ojos, Celda 211, ou os máis recentes El desconocido, Cien años de perdón e 1898: Los últimos de Filipinas. Máis alá do cinema, Tosar liderou o trío cómico The Magical Brothers e o grupo musical Di Elas.

Zaza Ceballos é unha produtora, escritora e directora cinematográfica galega. Estudou Lingua e Literatura nos Estados Unidos e Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Zaza Ceballos foi unha das pioneiras do audiovisual de Galicia desde os seus inicios na Televisión de Galicia, e cos seus proxectos a través da produtora Zenit Televisión SA, coa que desenvolveu entre outros un proxecto que incluía a realización de varias películas biográficas de mulleres históricas e relevantes de Galicia como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Rosalía de Castro. Esta serie de audiovisuais puxo en valor a figura das mulleres sobranceiras da historia de Galicia achegando á sociedade o seu traballo a prol da igualdade entre homes e mulleres. En 1985 comezou a traballar na Televisión de Galicia, optando a diversos postos de responsabilidade, atendendo a cuestións dos mercados e foros internacionais de MIP, MIPCOM, BBC Showcase, NATPE, LA Screenings, MonteCarlo TV Festival, London Screenings, e proxeccións nos festivais de cine de San Sebastian, Sitges e Munich, entre outros. En 1998 fundou Zenit Televisión, onde é a directora e produtora executiva. Actualmente é profesora de creación no Mestrado de desenvolvemento e distribución de contido audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra). Recibiu a Medalla Emilia Pardo Bazán 2021.

A Academia Galega do Audiovisual creouse en 2002 coa participación das principais asociacións profesionais e empresariais do sector que aglutinaban guionistas, intérpretes, directores, realizadores e produtoras co obxectivo de darlles cabida a todos os oficios e profesións dese ámbito. Desde a súa asemblea fundacional, cunha primeira xunta directiva integrada por Ernesto Chao, Ángel de la Cruz, Antón Reixa, Carlos Carballo, Julio Fernández, Manuel Abad, Manuel Manquiña, María Bouzas, Miguel Anxo Fernández e Xosé Cermeño, ata a actualidade, na que é presidida por Álvaro Pérez Becerra e conta con preto de 500 asociados, a Academia ten levado a cabo un incesante labor a prol da difusión e a visibilidade do traballo dos profesionais do sector e da produción cinematográfica galega en xeral. A súa iniciativa de maior repercusión é a celebración dos Premios Mestre Mateo, instituídos en 2003,  pero tamén destacan outras como os Premios María Luz Morales o Premio José Sellier, o Premio de Honra Fernando Rey, distintos ciclos de cinema galego dentro e fóra de Galicia ou o impulso de foros e plataformas para o debate de asuntos de interese no avance do audiovisual como parte importante do desenvolvemento cultural e económico de Galicia.  

As Medallas de Ouro de Galicia constitúen a máxima distinción de honor outorgada poia Xunta a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica. En 2023 recaeron en Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez como representantes do patrimonio musical galego. En 2022 foron para persoas destacadas na difusión do Camiño de Santiago e en 2021 para os sanitarios que traballaron para combater a pandemia da covid-19.

Tal e como sinalou o máximo responsable do Goberno galego,  “este ano quixemos recoñecer a traxectoria do audiovisual galego”, lembrando que a Xunta de Galicia “intentou sempre apoiar este sector que ademais desde o punto de vista económico é cada vez máis potente”.

O acto de entrega terá lugar o vindeiro 24 de xullo en Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024