O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presenta a iniciativa acompañado da delegada da Xunta en Ferrol, dos organizadores e do tenente de alcalde

A Xunta contribúe a reforzar Ferrol como destino urbano co I Festival Internacional de Maxia de Rúa de Galicia

Celebrarase desde este xoves 18 de xullo ata o sábado 20 en varios puntos da cidade

Xosé Merelles salienta que a cidade recibe cada vez máis peregrinos do Camiño Inglés, que está a medrar a un ritmo do 19% e nos cinco primeiros meses foi o destino urbano cuxa demanda turística medrou con máis intensidade

Indica que a proposta suma atractivos á cidade que se está a reforzar co Plan de Sustentabilidade Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra dotado con 2 M€

Ferrol (A Coruña), 15 de xullo de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentaron esta mañá, acompañados dos organizadores Dani Polo e Pedro Bugarín, e o tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, o I Festival internacional de Maxia de Rúa de Galicia, Ferrol Máxico, unha iniciativa que traerá á cidade a cinco magos de gran recoñecemento neste formato que percorrerán durante catro días, do xoves 18 ao domingo 21 de xullo, diferentes espazos de Ferrol.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles eloxiou a capacidade de Ferrol para “idear propostas novidosas, únicas, singulares e con personalidade propia para así promover o turismo urbano” como é o caso do Festival Ferrol Máxico, “unha forma extraordinaria de cultura urbana”, que suma atractivos turísticos a Ferrol. Neste sentido, o director de Turismo de Galicia salientou a crecente capacidade da cidade para atraer viaxeiros. Referiuse, en concreto ao incremento de peregrinos do Camiño Inglés, que está a medrar un 18% e que suma máis de 12.000 peregrinos que recolleron a Compostela.

“Ademais, Ferrol foi nos primeiros cinco meses do ano o destino urbano cuxa demanda turística medrou con máis intensidade, en concreto un 29% e recibiu máis de 32.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 55%”. Tamén salientou o traballo que a Xunta de Galicia está a realizar para seguir impulsando o destino apoiando iniciativas como a presentada hoxe e tamén con estratexias como o Plan de Sustentabilidade Turística Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra dotado con 2M€ ao abeiro do Plan territorial de Cascos Históricos e Vilas Termais deseñado pola Xunta con fondos europeos.

Pola súa banda, a a delegada territorial  salientou que “desde a Xunta de Galicia sentímonos orgullosos de apoiar iniciativas culturais como esta que non so enriquecen o noso patrimonio cultural, se non que tamén promoven o turismo e a economía local”. Aneiros destacou as vontades que esta iniciativa reportará á cidade “contribuíndo a dinamizar a vida cultural e social” e reiterou que este festival é “unha oportunidade única para gozar da maxia no seu estado máis puro e nun entorno tan especial como as nosas rúas e prazas”.

Maxia en diferentes espazos

A programación de Ferrol Máxico axunta máis de 10 actuacións en diferentes emprazamentos da cidade, cuxo prato forte será a Gala Internacional que se celebrará o sábado 20, ás 21.30 horas, na praza de Armas, a cargo dos artistas Mago Noel, Héctor Sansegundo, Carlos Adriano e Raúl Camagüey.

O programa arrincará o xoves 18 coas actuacións do Mago Noel e Raúl Camagüey na praza Rancho da Praça e a praza de Armas. O venres 19 a acción trasladarase á praza de Amboage, Alameda do Cantón e centro cívico de Caranza, con Raúl Camagüey, Carlos Adriano e Magic Mateo Show.

O sábado 20 volverán a saír á rúa Raúl Camagüey, Carlos Adriano e Héctor Sansegundo que levarán os seus trucos de maxia á estrada de Castela, praza de Amboage e praza do Inferniño. Por último o domingo 21 de xullo, Héctor Sansegundo e Raúl Camagüey pecharán o programa de actuacións na praza do Himno Galego e na Alameda do Cantón.

Todos os espectáculos teñen un carácter familiar, serán accesibles para todos os públicos e gratuítos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2024