A Xunta outorga Autorización Ambiental Integrada para a planta de construción e mantemento naval de Navantia en Ferrol

Os técnicos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúen que a proposta é viable e non terá impacto na contorna se se cumpren os condicionantes recollidos no propio documento e na Declaración de Impacto Ambiental

As infraestruturas da empresa pública para as que solicitou esta autorización céntranse no deseño, fabricación e reparación de embarcacións así como artefactos mariños como as turbinas ou aeroxeradores de instalacións offshore

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia acaba de resolver de xeito favorable a solicitude de autorización ambiental integrada (AAI) para a planta de construción e mantemento naval de Navantia en Ferrol.

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución pola que resolve favorablemente esa AAI, que xa está colgada e dispoñible para a súa descarga e consulta na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Unha vez finalizada a análise técnica de todo o expediente e os posibles impactos derivados, a Xunta conclúe que o proxecto é viable medioambientalmente sempre que se cumpran, ademais do recollido na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e no resto da documentación avaliada, os condicionantes sinalados na propia autorización ambiental integrada. De feito, a autorización inclúe a descrición, condicións, obrigas e dereitos que deben cumprir os promotores desta iniciativa.

Con esta resolución complétanse os pasos para que a instalación obteña os permisos ambientais necesarios para desenvolver a actividade, dado que as súas características fan que teña que ser sometida a unha autorización ambiental integrada, figura de intervención administrativa que establece o condicionado medioambiental para a realización destes traballos.

A documentación recolle que a planta de reparación e construción de barcos de Ferrol desenvolverá actividades para o deseño, fabricación, construción, transformación, reparación e mantemento de buques, zonas de embarcacións, artefactos mariños (incluídas instalacións offshore), pequenas embarcacións e equipamentos industriais. Ao mesmo tempo as instalacións servirán para a fabricación, montaxe e reparación de turbinas e aeroxeradores incluíndo as súas estruturas de soporte fixas ou flotantes, para a súa posterior instalación no destino final.

A planta atópase nunha parcela cunha superficie total de máis de 930.000 metros cadrados e conta cunha zona cuberta de 335.000 metros cadrados; outra de gradas, prearmamento de bloques e superficie de almacenaxe de 230.000 metros cadrados; así como os talleres, que contan cunha zona cuberta de 13.000 metros cadrados e outra descuberta de 19.000 metros cadrados.

Data de actualización: 15/07/2024