A Xunta concede Autorización Ambiental Integrada ao proxecto para a instalación dunha planta de hidróxeno verde no Porto de Vigo

Os técnicos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúen que a proposta é viable e non terá impacto na contorna se se cumpren os condicionantes recollidos no propio documento e na Declaración de Impacto Ambiental

A iniciativa de Julio Verne Hidrógeno Puerto de Vigo consiste na construción e explotación dunha estación de dispensado público de hidróxeno con xeración de dous megavatios de potencia nunha superficie aproximada de 200 metros cadrados

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia acaba de resolver de xeito favorable a solicitude de Autorización Ambiental Integrada (AAI) do proxecto da empresa Julio Verne Hidrógeno Puerto de Vigo SL para a instalación dunha planta de produción de hidróxeno verde no peirao vigués.

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución pola que resolve favorablemente esa AAI, que xa está colgada e dispoñible para a súa descarga e consulta na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Unha vez finalizada a análise técnica de todo o expediente e os posibles impactos derivados, a Xunta conclúe que o proxecto é viable medioambientalmente sempre que se cumpran, ademais do recollido na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e no resto da documentación avaliada, os condicionantes sinalados na propia autorización ambiental integrada. De feito, a autorización inclúe a descrición, condicións, obrigas e dereitos que deben cumprir os promotores desta iniciativa.

Con esta resolución complétanse os pasos para que a instalación obteña os permisos ambientais necesarios para levar adiante o proxecto, dado que a súa posta en marcha fai que teña que ser sometido a unha autorización ambiental integrada, figura de intervención administrativa que establece o condicionado medioambiental para a realización desta actividade.

A documentación recolle que o proxecto consiste na construción e explotación dunha estación de dispensado público de hidróxeno con xeración de 2 megavatios (MW) de potencia. A produción de hidróxeno realizarase mediante electrólise da auga, un proceso no que se empregará enerxía renovable. De feito, a instalación de xeración de hidróxeno estará composta por catro electrolizadores de entre 390 e 450 megavatios de potencia cada un e ocupará unha superficie aproximada de 200 metros cadrados.

A maior parte dos equipamentos e instalacións de proceso estarán dispostas en contedores e distribuídos en zonas delimitadas de xeración, compresión, acumulación e dispensado de hidróxeno, así como de control e seguimento de todos os pasos do proceso de produción.

Data de actualización: 15/07/2024