O DOG publica hoxe a orde de actualización das retribucións que recolle o incremento salarial do 2%

O Goberno galego fará efectiva no mes de xullo a suba prevista no acordo salarial entre o Goberno central e os sindicatos, que tardou seis meses en ser autorizado

Este incremento adicional aplicarase con efectos do 1 de xaneiro de 2024 e suporá unha suba media anual de 782 € no salario dos empregados públicos autonómicos e un custo de 97 M€

Sumado ao 0,5% de incremento que se aplicou en febreiro, consolida un crecemento anual do 2,5% no 2024

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

O DOG publica hoxe a orde de actualización das retribucións que recolle o incremento salarial do 2% na nómina do persoal empregado público para compensar os efectos da inflación.

O Goberno galego fará efectiva no mes de xullo a suba prevista no acordo salarial entre o Goberno central e os sindicatos. Esta medida estaba xa contemplada na disposición adicional oitava da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, pero para a súa aplicación precisaba que o habilitara a normativa básica do Estado. O Goberno central tardou medio ano en aprobar esa norma que establece a actualización das retribucións do persoal ao servizo do sector público.

Esta medida complementa a xa adoptada en febreiro deste mesmo ano, ao cumprirse a condición de crecemento do PIB prevista, o que supuxo un aumento do 0,5%, que determina que o incremento anual consolidado para os empregados públicos autonómicos sexa do 2,5% neste 2024.

Salarios e custes

Este incremento adicional aplicarase con efectos do 1 de xaneiro de 2024 e suporá unha suba media anual de 782 € no salario dos empregados públicos autonómicos e un custo de 97 M€, mentres que o incremento de febreiro supuxo de media 196 € máis na nómina dos empregados e un custo de 24 M€.

O 2,5% anual de incremento consolidado deste 2024 supón un custo para a Facenda pública de 121 M€ e un incremento salarial medio de preto de mil euros para os empregados públicos autonómicos.

Data de actualización: 15/07/2024