A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a escola infantil Antela en Ourense

A Xunta inviste 3 M€ en obras de mellora en escolas infantís durante o verán

O Goberno galego aproveita o período estival para realizar este tipo de traballos e interferir, así, o mínimo posible na actividade durante o curso

O curso que vén será o terceiro no que a atención entre os 0 e os 3 anos será gratuíta no 100% dos centros galegos, tanto públicos como privados

Ourense, 13 de xullo de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a escola infantil pública autonómica Antela. Alí aproveitou para facer balance dos 3 millóns de euros que inviste a Xunta de Galicia para realizar no verán reformas e obras de mellora nas escolas infantís que dependen do Goberno galego. Deste xeito, búscase interferir o menos posible na actividade que se realiza nestes centros durante o resto do ano e que a posta a punto estea lista antes de setembro.

A conselleira aproveitou para lembrar que o curso que vén, 2024/2025, será o terceiro no que a Xunta ofrecerá a atención entre os 0 e os 3 anos completamente de balde no 100% das escolas infantís de Galicia, independentemente da súa titularidade: pública –municipal ou autonómica–, privada ou de entidades sociais. O Goberno galego destina 60 millóns de euros nesta medida que ofrece conciliación gratuíta a máis de 32.000 familias, que lles supón un aforro anual medio de máis de 3.000€.

No caso da escola infantil Antela, a Xunta vai investir 20.000 euros para reformar durante o verán os seus catro patios exteriores. Con esta actuación, completarase a reforma integral deste centro que, cun orzamento total de 700.000 euros, implicou melloras nos tellados, no illamento térmico, o mobiliario e outras obras no interior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2024