A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello da Arnoia estudan a posibilidade de mellorar a EDAR da localidade

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2024

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, estudaron nunha reunión que mantiveron recentemente a posibilidade de levar a cabo melloras na estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade.

Nesa liña, a conselleira explicou ao rexedor que técnicos de Augas de Galicia analizarán a situación actual da EDAR para valorar as actuacións que sería necesario acometer para modernizala e dar un mellor servizo á veciñanza do municipio.

Por outra banda, Rodrigo Aparicio trasladoulle a Ángeles Vázquez a necesidade de instalar unha nova pasarela peonil sobre o río Arnoia. Nese senso, cómpre indicar que esta actuación permitiría ofrecer tanto unha nova zona de esparexemento para a veciñanza como un punto de interese para os visitantes da localidade.

Ademais, a nova ponte, que, segundo o proxecto municipal, substituiría ao antigo poldrado que foi destruído por unha riada o ano pasado por unha estrutura de madeira en apoios na canle, tamén suporía unha vía de comunicación entre as dúas beiras do río para os agricultores que teñen propiedades na contorna.

A conselleira aseguroulle ao alcalde que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2024