A Xunta contribúe a eliminar catro puntos de vertido de augas residuais en concellos da comarca de Pontevedra e da súa contorna

Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron a maior parte das incidencias durante os seus labores rutineiros

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2024

A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar catro puntos de vertido de augas residuais en concellos da comarca de Pontevedra e na súa contorna, concretamente nos concellos de Pontevedra, Marín, Cangas e Soutomaior.

A incidencia no concello de Pontevedra afectaba ao río Pintos, ao seu paso polo lugar de Marcón, e foi detectada no marco da campaña de inspección ás redes fluviais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Nese labor os técnicos de Augas de Galicia constataron que o episodio se debía a algunha deficiencia na infraestrutura de saneamento, feito que se notificou ao Concello para que procedese a corrixila.

O Goberno local informou da existencia dunha rotura dun colector de saneamento que foi reparada, cuestión que verificou o persoal do Programa de Control de Vertidos nunha visita posterior á zona, co que se deu por eliminado ese vertido ao dominio público.

No caso de Marín, o vertido de augas residuais estaba na parroquia de Ardán e foi localizado tamén no marco dos labores rutineiros de inspección que se realizan na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. En concreto, tratábase dunha tubaxe que vertía augas sen depurar ao río Casás, cuestión da que se deu aviso ao concello de Marín para que adoptase as medidas oportunas para emendala.

O Executivo municipal localizou a orixe do vertido nunha vivenda da zona e requiriu ao titular a corrección desa incidencia. O persoal do organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprobou nunha visita posterior o cese do vertido froito das actuacións correspondentes para poñerlle fin.

Cangas e Soutomaior

O episodio de Cangas producíase no lugar de Nerga, na parroquia do Hío, e foi localizado tras recibir un aviso do Servizo de Emerxencias 112. Debíase a unha rotura no colector de saneamento que discorre baixo a pasarela de madeira que atravesa o complexo dunar Nerga-Barra.

O persoal de Augas de Galicia notificou o caso ao Concello para que corrixise a situación e nunha visita posterior verificou que fora substituído o tramo da canalización afectada ao tempo que se reforzaran as suxeicións que amarran o colector á estrutura do paseo, co que se puxo fin a esa vertedura ao dominio público.

O cuarto episodio contaminante eliminado na zona atopábase no concello de Soutomaior. Tratábase dun vertido de augas residuais á ría de Vigo que se producía por unha tubaxe localizada entre as rochas do dique baixo o paseo marítimo no lugar de Cagazó, unha canalización que serve para evacuar as augas pluviais da zona.

Nas análises do caudal existente constatouse a presenza de carga microbiolóxica, polo que foi comunicada a situación ao Concello para que adoptase as medidas oportunas coa finalidade de corrixila. Ante as dificultades para determinar a orixe da contaminación, o Goberno local decidiu conectar provisionalmente a liña de pluviais afectada cara a rede de saneamento á espera de coñecer a procedencia exacta dese aporte irregular.

O persoal do organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprobou nunha nova inspección á zona a eliminación dese punto de vertido e acordou facer un seguimento da situación ata a corrección definitiva da incidencia.

Data de actualización: 13/07/2024