O presidente da Xunta clausurou O Encontro da Toxa sobre transformación dixital, organizado por CESUGA

Rueda aposta por aproveitar as potencialidades da intelixencia artificial con “valentía” e positividade

  Asegura que este sector ofrece  “oportunidades” que Galicia “non pode deixar pasar”

A Xunta remitirá en setembro ao parlamento a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, a primeira dunha rexión europea

A IA xa se está empregando en proxectos concretos relacionados co emprego ou a sanidade

O Grove (Pontevedra), 12 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por aproveitar todas as potencialidades que ofrece a intelixencia artificial e traballar para que seguir situando a Galicia á vangarda nesta tecnoloxía. “Estamos ante unha oportunidade que non podemos deixar pasar”, resaltou.

Así o sinalou hoxe durante a súa intervención na clausura do Encontro da Toxa. Transformación dixital e IA, organizado por Cesuga. No acto estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.

Rueda defendeu que Galicia quere formar parte das rexións que se anticipan ao futuro e apostou por afrontar os retos que supón a intelixencia artificial “con valentía” e dun modo “positivo”. Nesta liña, asegurou que a comunidade conta coas “condicións, o talante e a valentía” para aproveitar as oportunidades que ofrece este eido.

Unha transformación dixital que tamén chega a administración. Por iso, o Goberno galego xa está impulsando medidas como a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, que se remitirá ao Parlamento en setembro, e que converterá a Galicia na primeira rexión europea en contar cunha normativa neste eido.

Ademais, a administración xa conta con outros proxectos nos que se está usando a intelixencia artificial, como en materia de emprego, coa ferramenta EMi, que permite o perfilado competencial dos demandantes do emprego; o Mapa de emprendemento virtual, que integra a todos os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia; ou o programa piloto de aplicación da IA no tratamento de imaxes por satélite para control forestal -masas forestais ilegais e cultivos non declarados, entre outros-.

A intelixencia artificial tamén se está empregando noutros eidos, como o sanitario. Unha mostra é a iniciativa posta en marcha no Hospital Clínico de Santiago, que permite informar unha radiografía en tan só 3 minutos.

Premio á empresaria do ano

Logo da clausura da xornada, o titular do Executivo galego participou tamén na gala de entrega do premio á empresaria do ano, que nesta edición recaeu en Blanca García Montenegro, presidenta do grupo El Progreso.  Rueda destacou a súa traxectoria e o seu carácter pioneiro, en tanto foi a primeira muller que liderou un grupo mediático en España. “É a gran dama da comunicación de Galicia e un exemplo de moitas cousas”, indicou tras recoñecer “as dificultades” que tivo que atravesar ao longo da súa carreira “polo feito de ser muller”. 

Ademais, o presidente salientou a decisión de García Montenegro por continuar coa empresa familiar e apostar sempre por “engrandecela”. Nesta liña, fixo fincapé en que moitas das grandes empresas galegas “son familiares”, o que lles aporta un compoñente de “identidade, de esencia e de raíz”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024