O 061 de Galicia e a Orde de Malta melloran a asistencia sanitaria a peregrinos e visitantes na catedral de Santiago

O dispositivo sanitario do 061 permanecerá entre as 09,30 e as 14,30 horas na Oficina de Atención ao Peregrino, situada na rúa Carretas, e o equipo sanitario se desprazará ás 12,00 ata a Catedral de Santiago 

No verán de 2023 foron atendidas 272 persoas, o que supuxo unha media de nove asistencias diarias

Santiago, 12 de xullo de 2024

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Orde dos Cabaleiros de Malta colaborarán a partir do próximo domingo, 14 de xullo, para mellorar a prestación de asistencia sanitaria aos peregrinos que se acheguen á Oficina de Atención ao Peregrino e ata a Catedral de Santiago de Compostela durante a Misa do Peregrino. A colaboración realízase en prol dun acordo que permitirá que este dispositivo sanitario se manteña operativo ao longo de cinco semanas, desde este domingo ata o próximo 18 de agosto, período no que se estima que o incremento de turistas e peregrinos sexa maior.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como vén facendo durante os últimos anos,  dispón do material humano -persoal de Enfermería-, e funxible necesario para a atención sanitaria a peregrinos e as persoas que se atopen na Catedral de Santiago durante a misa das 12,00 horas. Así, o equipo sanitario permanecerá entre as 09,30 e as 14,30 horas na Oficina de Atención ao Peregrino, situada na rúa Carretas, e o equipo sanitario do 061 se desprazará ás 12,00 ata a Catedral de Santiago durante a Misa do Peregrino.

Actividade verán 2023

Durante o período estival, comprendido entre 16 de xullo e o 13 de agosto, do ano pasado, na Oficina de Atención ao Peregrino, foron atendidas 272 persoas, o que supuxo unha media de nove asistencias cada día. Esta cifra supón un incremento do número de pacientes atendidos respecto ao ano 2022, no que a media de asistencias diarias foi de dúas persoas.

En 2023, o mes de agosto duplicou o número de asistencias respecto ao mes anterior con 182 persoas atendidas, fronte ás 90 asistencias rexistradas no mes de xullo. O día no que se atenderon máis pacientes foi o 11 de agosto, con 29 persoas asistidas.

Respecto ao sexo dos atendidos, o 60% foron mulleres e o 40% homes. As patoloxías máis atendidas foron: lesións cutáneas (68%) derivadas principalmente polo roce continuo co calzado e feridas leves, e dor aguda (20%) causada  por escordaduras, torceduras e sobrecargas ou rotura de fibras musculares e edemas nas pernas.

Así, as asistencias resolvéronse como coidado de feridas (64%), inmobilización da zona afectada (15%) e administración de medicación tópica (8%), principalmente. Ademais, o 97% das asistencias realizadas polo persoal do 061 de Galicia finalizaron co alta do paciente no punto, sen que fora necesaria a derivación a outro nivel asistencial.

A Orden de San Juan de Jerusalén é unha orde relixiosa laica, tradicionalmente militar, cabaleiresca e nobiliaria. Constitúe unha das máis antigas institucións da civilización occidental e cristiá, e os seus voluntarios están organizados en estruturas sociais, asistenciais, sanitarias e sociais dedicadas a dar servizo aos pobres e necesitados. Actualmente, esta orde está presente en máis de 120 países.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 presta atención sanitaria ás urxencias e emerxencias sanitarias no ámbito extrahopitalario na Comunidade galega desde o ano 1995 e actualmente está considerado como o servizo público sanitario mellor valorado pola cidadanía, obtendo os máis altos índices de satisfacción pola súa poboación usuaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024