A Xunta avanza na cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal para o fortalecemento da economía social

Vigo, 12 de xullo de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu hoxe en Vigo á reunión de planificación do proxecto Es-Factory, co obxectivo de seguir avanzando nas actividades de 2024 e crear o comité de xestión e coordinación do proxecto.

Es-Factory é unha nova rede de aceleradoras de economía social creada para impulsar e consolidar empresas en novas actividades emerxentes de Galicia e do norte de Portugal, liderada pola Xunta de Galicia no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Esta iniciativa promove a cooperación transfronteiriza entre entidades de ambas rexións, facilitando o intercambio de experiencias no ámbito da economía social e fomentando a igualdade de oportunidades e a inclusión de persoas para promover o emprendemento.

Ademais, a Xunta de Galicia ten en marcha na actualidade a segunda Estratexia da economía social, unha planificación con horizonte 2027 e un orzamento de 174 millóns de euros coa aspiración de xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024