A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue reuniuse hoxe en Santiago co alcalde, Antonio Iglesias, coincidindo coa sinatura desta resolución

A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal de Lobeira de cara a dotar o concello dun instrumento eficaz de ordenación do territorio

É o décimo quinto concello de Galicia, e o sétimo da provincia de Ourense, en superar este trámite para contar cunha ferramenta que ten como obxectivo impulsar unha ordenación urbanística sostible dos concellos de menos de 5.000 habitantes

O Plan de Lobeira, que conta cunha poboación de 768 habitantes, establece un total de 27 núcleos rurais repartidos en 8 parroquias, e identifica e cataloga 229 elementos do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnolóxico

A Xunta xa ten aprobados definitivamente catro plans básicos municipais e está a traballar noutros 20, entre os que se inclúe o de Lobeira, destinando un orzamento total de preto de 2 M€

O departamento que dirixe Martínez Allegue seguirá traballando para desbloquear a tramitación da CHMS dos plans básicos municipais e avaliar cada caso concreto e analizar posibles solucións

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

A Xunta aprobou de forma inicial o Plan Básico Municipal (PBM) do Concello de Lobeira co obxectivo de dotalo dun instrumento eficaz e responsable de ordenación do territorio.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo hoxe en Santiago unha reunión co alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias, coincidindo coa firma da resolución pola que se aproba inicialmente o PBM e salientou que Lobeira é o décimo quinto concello de Galicia en obter a aprobación inicial, e o sétimo da provincia en superar este trámite.  

Martínez Allegue incidiu na importancia para a Administración local de dispor do PBM, por ser unha ferramenta que permitirá impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible aos municipios de menos de 5.000 habitantes para garantir un territorio ordenado.

Nesa liña, logo de indicar que tras este trámite o seguinte paso será iniciar o procedemento de información pública e solicitar todos os informes preceptivos previos para a súa aprobación definitiva, a conselleira explicou que este plan do municipio de Lobeira, que conta cunha poboación de 768 habitantes, establece un total de 27 núcleos rurais repartidos nun total de 8 parroquias, 15 tradicionais e 12 que combinan partes tradicionais e comúns.

A maiores, o PBM de Lobeira tamén identifica e cataloga os 229 elementos do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnolóxico, nos que se inclúen seis escudos asociados a outros elementos do catálogo como bens de interese cultural de tipo arquitectónico declarados Ben de Interese Cultural (BIC); oito son bens de interese cultural de tipo etnográfico de patrimonio cultural de Galicia, e 16 bens arqueolóxicos catalogados sitos en concellos limítrofes con afección sobre o Concello de Lobeira.

Bloqueo da CHMS á aprobación dos PBM

A Xunta xa ten aprobados definitivamente catro plans básicos municipais -os do Páramo, Trabada, Riotorto e Ribeira de Piquín- e está a traballar noutros 20, entre os que se inclúe o de Lobeira. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destina un orzamento de preto de 2 millóns de euros á redacción dos distintos documentos e á elaboración da cartografía que levan aparellada co obxectivo de contar cun instrumento vital para protexer e poñer en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo deses concellos de menos de 5.000 habitantes.

No encontro mantido hoxe en San Caetano abordaron tamén os problemas que están a topar distintos concellos na provincia de Ourense e de Lugo que están a tramitar o Plan Básico Municipal coa tramitación do informe sectorial da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). Unha situación que se está a dar tamén co organismo de conca estatal no caso da tramitación de distintos plans xerais de ordenación municipal (PXOM).

Martínez Allegue amosou a disposición da Xunta de seguir  traballando para desbloquear a tramitación dos plans básicos municipais, na que se leva intentando tratar coa CHMS para avaliar cada caso concreto e analizar posibles solucións, ata o momento sen éxito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024