O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presenta unha mostra que tamén explora a pegada da cultura viquinga en Galicia

O Gaiás inaugura unha exposición internacional que cuestiona clixés sobre cultura viquinga e achega pezas arqueolóxicas nunca antes exhibidas en España

O titular de Cultura do Goberno galego destacou a colaboración con museos nacionais de Suecia, Dinamarca e Francia para facer realidade “unha das maiores exposicións feitas na península ibérica sobre a cultura viquinga”

‘Unha vida viquinga’ amosa na Cidade da Cultura máis dun centenar de pezas históricas, ademais de presentar unha curta inédita sobre mitoloxía nórdica asinada por David Rubín e unha recreación, en cartón pero a tamaño real, dun barco viquingo

A mostra está comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos pola Universidade de Aberdeen, Irene García Losquiño (Elche, 1984) e conta coa colaboración dalgunhas das autoridades internacionais máis respectadas no estudo da Era Viquinga

A exposición abre as súas portas ao público esta tarde con entrada de balde e está encadrada na programación do ‘CulturON’ da Xunta de Galicia para este verán

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura Unha vida viquinga, unha exposición internacional que cuestiona grandes clixés da cultura popular sobre a Era Viquinga e amosa en Galicia pezas históricas e arqueolóxicas de museos nacionais de Suecia, Dinamarca e Francia nunca antes exhibidas en España.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia lembrou que se trata “dunha das maiores exposicións realizadas en España sobre cultura viquinga”, agradecendo a colaboración e confianza dos prestixiosos museos internacionais que ceden fondos para a mostra, “especialmente aos seis museos distintos de Suecia e Dinamarca, que custodian valiosas coleccións de referencia internacional sobre a Era Viquinga”.

O relato da exposición artéllase ao redor do que poderían ser os períodos vitais dunha persoa durante a época viquinga e trata tamén as diferentes campañas de exploración, incursións e relacións comerciais que se estableceron en diferentes puntos de Europa, entre os que se inclúe o noroeste peninsular. Neste sentido, lembrou López Campos, “o paso dos viquingos por Galicia deixou unha fonda pegada na nosa cultura inmaterial, en forma de relatos históricos pero tamén lendas, mitos... e afondar no coñecemento deste pobo é tamén un xeito de coñecer mellor unha parte da nosa historia”.

A mostra achégase así a pezas como unha placa granítica atopada na ermida das torres do Oeste de Catoira, onde se pode ler unha inscrición de protección contra as incursións viquingas, ou un pequeno fragmento dunha das moitas vieiras atopadas na zona portuaria da cidade sueca de Sigtuna, posiblemente relacionadas con peregrinacións a Santiago de Compostela durante o século XII. Tamén se pode contemplar no Gaiás o báculo do bispo Gonzalo de Mondoñedo, de quen conta a lenda que afundiu case ao completo unha gran frota viquinga fronte á Mariña lucense; ou o manuscrito Corpus Pelagianum, custodiado na Biblioteca Nacional de España, onde se relata como cen navíos viquingos entraron pola ría de Arousa e avanzaron por Galicia, dando morte en batalla ao bispo de Compostela Sisnando II e chegando ata o Cebreiro.

Recreación dun barco viquingo

Encadrada na programación de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o CulturON, a exposición inclúe tamén unha instalación de gran formato: a recreación a tamaño real dunha embarcación viquinga de máis de 17 metros de lonxitude, deseñada polo premiado estudio galego Cenlitros, apostando polo cartón como material dado o carácter efémero dunha exposición temporal.

Esta recreación está baseada no skudelev 5, un barco real do que se recuperaron os seus restos arqueolóxicos nos anos 60 no fiorde de Roskilde, en Dinamarca, e que hoxe se conserva no Vikingeskibs Museet, o museo de barcos Viquingos desa cidade danesa. Para a súa recreación, fabricada con 584 pezas de cartón ensambladas manualmente, contouse coa asesoría do especialista Tom Nicolajsen, do Vikingeskibs Museet.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presentou esta exposición como unha mostra da “capacidade dos profesionais galegos para traballar con institucións do máis alto nivel, acadando recoñecemento tamén no eido internacional”. Aludía así por exemplo á colaboración na mostra do ilustrador e debuxante de cómic David Rubín, finalista ao Premio Nacional de Cómic e candidato a en 2018 a catro premios Eisner (os alcumados Oscar do mundo da banda deseñada).

Rubín asina as animacións en gran formato que as persoas visitantes poderán contemplar na sala, e que inclúen unha curta de catro minutos inspirada nun dos máis famosos poemas en nórdico antigo, que relata, con voz da actriz Soledad Felloza, a creación e fin do mundo segundo a mitoloxía viquinga. Ademais do traballo do ilustrador ourensán e do estudio Cenlitros, a exposición conta tamén co deseñador coruñés David Carballal, encargado da gráfica de sala e o deseño de catálogo.

Comisariado e comité científico

Unha vida viquinga está comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos pola Universidade de Aberdeen, Irene García Losquiño (Elche, 1984), investigadora da USC e unha das maiores especialistas de España en cultura viquinga. García Losquiño propón nesta exposición un enfoque novidoso e inclusivo “que foxe dos tópicos bélicos asociados a este pobo, sen obvialos, pero achegándose tamén  a temas como a vida familiar, os xogos, o comercio, a mestura con outras culturas e, en definitiva, aquelas caras máis esquecidas normalmente pola Historia: as das mulleres, os nenos, ou os escravos”, explicou no acto de apertura.

Ademais, o proxecto expositivo chega co respaldo dun comité científico internacional con algunhas das autoridades máis respectadas neste campo, entre as que se inclúen o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Uppsala, Neil Price, coñecido tamén pola súa participación como presentador da serie documental Real Vikings —da produtora do exitoso drama televisivo Vikings—.

Cóntase tamén coa colaboración da profesora da Universidade de Uppsala e investigadora senior no proxecto The Viking Phenomenon, Charlotte Hendenstierna-Jonson, a catedrática de Arqueoloxía Medieval da University of Highlands and Islands, Alexandra Sanmark, ou investigadores da Universidade de Santiago de Compostela como Rosa María Rodríguez Porto e José Carlos Sánchez Pardo, especialistas na presenza e influencia da cultura viquinga na península ibérica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024