Os galegos de orixe ou ascendencia que residan no estranxeiro e visiten Galicia xa poden acceder á tarxeta sanitaria dixital da Xunta

A tarxeta Galicia Saúde Exterior Virtual pode descargarse a través da app Sergas Móbil

A tarxeta virtual permite efectuar calquera xestión no Servizo Galego de Saúde e nas farmacias

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

A Xunta pon desde hoxe a tarxeta sanitaria Galicia Saúde Exterior Virtual á disposición de galegos de orixe ou ascendencia que, residindo no estranxeiro, realicen estadías temporais en Galicia e teñan dereito á asistencia sanitaria a través da tarxeta Galicia Saúde Exterior.

Deste xeito, os interesados poden realizar a súa descarga a través da app Sergas Móbil.

A través desta iniciativa, a persoa usuaria disporá da súa tarxeta sanitaria almacenada dentro da aplicación móbil e será equivalente á tarxeta física. Así, poderá efectuar as xestións necesarias no Servizo Galego de Saúde e nas farmacias.

Esta medida foi impulsada pola Consellería de Sanidade, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Data de actualización: 12/07/2024