O Parque Nacional das Illas Atlánticas promoverase este verán como destino turístico Starlight con actividades gratuítas de observación astronómica

Por oitavo ano consecutivo, o Parque Nacional, en colaboración coa Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía, organiza accións de dinamización abertas á participación de adultos e nenos nos catro arquipélagos

A programación comezou a pasada fin de semana e estenderase ata setembro, incluíndo intervencións tanto diúrnas como nocturnas que buscan introducir aos visitantes na exploración de estrelas, meteoritos e outros corpos celestes

As actividades previstas, durante as que se porá a disposición dos visitantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos, realizaranse ao aire libre e, polo tanto, estarán suxeitas a posibles cambios de data polas condicións meteorolóxicas

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrece un verán máis unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os seus visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais, como é o ceo.

Por oitavo ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) será a encargada de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight, unha programación que arrancou a pasada fin de semana.

Para logralo, Fegar contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.

Os destinos Starlight —un selo avalado pola Unesco, apoiado pola Unión Astronómica Internacional, a Organización Mundial de Turismo e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan de condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan moi axeitados para albergar actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

Neste sentido, a programación astronómica prevista durante o verán nas Illas Atlánticas —que comezou en Cíes a pasada fin de semana e se prolongará ata o 2 de setembro— inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.

De feito e como novidade deste ano, os visitantes da illa de Ons terán á súa disposición un novo telescopio de última xeración, cun investimento de 15.000 euros por parte de Fegar e que suporá unha mellora na calidade das actividades.

En concreto, a programación durante a quenda de mañá levaranse a cabo entre as 13,30 e as 14,00 horas e centraranse na observación solar co fin de achegar aos asistentes ao seu funcionamento e á importancia que ten na meteoroloxía planetaria. A observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, de 23,30 a 01,30 horas, con charlas a cargo de expertos nas que se afondará nos veciños estelares máis próximos, nos calendarios astronómicos ou na información que nos aportan.

Adicionalmente, tamén se realizarán unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos así como de observación de meteoritos, incluíndo a chuvia de estrelas fugaces das Perseidas de agosto, cuxo pico máximo se agarda entre os días 11 e 13 e para as que están programadas actividades simultáneas en Cíes e en Ons.

A programación, en todo caso, chegará aos catro arquipélagos. A oferta concentrarase en Cíes, onde se realizarán quendas a primeira fin de semana de xullo, do 1 ao 31 de agosto e o 1 e o 2 de setembro; e en Ons, con actividades programadas do 13 ao 31 de xullo, de forma continuada, e do 9 ao 12 de agosto. As accións en Cortegada e en Sálvora serán puntuais, cunha charla o mércores 14 e o xoves 15 de agosto, respectivamente.

Para poder participar nalgunha destas actividades gratuítas, os interesados deberán inscribirse previamente nas casetas de información das illas e os grupos organizaranse in situ, dependendo sempre das condicións meteorolóxicas polo que o calendario previsto pode ser susceptible de sufrir alteracións. Ademais, este verán está previsto que durante uns días do mes de agosto o Parque Nacional das Illas Atlánticas acolla a visita de varios membros da Fundación Starlight.

Destino Starlight desde 2016

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino Starlight desde o ano 2016, de aí a importancia de actividades coma estas, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.

Ademais, a finais de 2015 tamén recibiu a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo cunha actividade turística de calidade. As accións de observación e divulgación astronómica programadas para xullo, agosto e setembro enmárcanse nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do parque, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2024