O secretario xeral de Universidades reafirma o compromiso da Xunta co Campus Terra na graduación de Veterinaria, titulación de referencia en Galicia

José Alberto Díez recorda que este grao foi un dos primeiros de Galicia en obter o selo de excelencia, distintivo de calidade que outorga o Goberno galego

Destaca un investimento de preto de 13M€ no Campus Terra e a introdución de novas titulacións, accións ao abeiro das que a matrícula medra de forma sostida

Lugo, 13 de xullo de 2024

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participou esta mañá no acto de graduación da promoción 2019/2024 do grao en Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, que cualificou como “unha das titulacións de referencia deste campus de Lugo e de toda Galicia”. “Non en balde, foi un dos primeiros graos en obter o selo de excelencia, distintivo de calidade que outorga a Xunta de Galicia para estes estudos no Sistema Universitario Galego”, lembrou.

O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co Campus Terra, cun investimento de preto de 13M€ que permite situar que o campus lucense como un referente científico e social nos ámbitos do coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medio ambiental dos recursos da terra.

O secretario xeral puxo tamén en valor a implantación de novas titulacións no Campus Terra como os graos de Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía, Robótica e Xestión cultural ou o máster en Xenómica e Xenética. “O conxunto destas accións fixeron que o Campus Terra fose o segundo en acadar a acreditación de especialización en Galicia e que teña unha dinámica sostida de crecemento de alumnos nos últimos anos”, destacou.

Data de actualización: 13/07/2024