A Xunta afianza a seguridade xurídica para fomentar o uso da intelixencia artificial na administración

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participou hoxe na Toxa no encontro “Transformación dixital e IA”

Destacou a importancia de que Galicia sexa a primeira rexión europea en dispoñer dunha lei para o desenvolvemento e impulso da IA

Enmarcou a aposta de Galicia pola IA no avance cara a unha soberanía tecnolóxica para facer fronte aos retos de sustentabilidade financeira e á adaptación ás necesidades da rexión

 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

A Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial de Galicia, que se atopa en fase de consulta previa ao trámite parlamentario, avanzará na dotación de seguridade xurídica para favorecer a implantación de sistemas intelixentes que melloren a eficacia dos servizos da Administración, segundo destacou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.

Cerviño participou nunha mesa redonda sobre “IA xenerativa: primeiras leccións aprendidas e expectativas, agora que?” no marco do Encontro da Toxa Transformación dixital e IA. O director da Axencia anunciou durante a súa intervención a posta en marcha de proxectos piloto de IA xenerativa en ámbitos como a Asesoría Xurídica, Intervención ou Facenda pública. Estes casos de uso van dende sistemas de busca e clasificación de documentos ata asistentes de conversación.

Para o director da Axencia autonómica, ademais da seguridade xurídica, o principal reto é gañar en eficacia e eficiencia, ademais de proporcionar unha atención personalizada, regular a planificación e gobernanza da IA a través da lei, e avanzar cara á soberanía tecnolóxica. Neste sentido, destacou a importancia da sustentabilidade financeira dos sistemas que se poñan en marcha, así como a súa adaptación ás necesidades específicas da Administración galega.

Na súa intervención, Julián Cerviño tamén destacou a importancia das medidas de impulso no uso da IA recollidas na lei que se está a tramitar, como os incentivos económicos ou fiscais para empresas e profesionais. O obxectivo é atraer investimentos e promover a creación e retención de talento a través da FP e da Universidade. Por último, referiuse tamén á importancia de manter os esforzos para a capacitación actualizada da cidadanía.

Data de actualización: 11/07/2024