A Xunta aposta por impulsar o comercio local co diálogo e coordinación cos axentes do territorio

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou os mercados ferroláns da Magdalena, Recimil e Caranza 

Sinalou que a estratexia do comercio na que traballa o Goberno galego ten entre os seus fins dinamizar os negocios de proximidade a través da escoita activa e participativa de toda a cadea de valor

Gabriel Alén e Martina Aneiros tamén se reuniron con representantes da Asociación de Comerciantes de Ferrol Centro cos que intercambiaron impresións sobre a actividade e proxectos desta entidade 

Ferrol, 11 de xullo de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou unha visita polos mercados ferroláns da Magdalena, Recimil e Caranza, onde destacou a aposta do Goberno galego por impulsar o comercio de proximidade xunto cos axentes do territorio. 

Nesta liña, sinalou que a estratexia do comercio na que traballa a Xunta ten entre os seus fins dinamizar o comercio de proximidade a través da escoita activa e participativa de toda a cadea de valor, que se está a realizar coa celebración de xornadas en todas as provincias e comarcas galegas. 

Ademais, subliñou que nesta folla de ruta tamén será primordial o labor cara a remuda xeracional, a formación e a transformación das tradicionais prazas de abastos en mercados excelentes, ámbito no que o Goberno galego impulsará o Selo de Mercado Excelente. 

Outro dos fins desta estratexia, que destacou Gabriel Alén, é garantir a competitividade do sector e que sexa un apoio para afrontar grandes retos como a modernización do comercio, o impulso da formación ou a mellora da dixitalización.

Esta é unha mostra, subliñou o director xeral, do compromiso do Executivo galego por un sector estratéxico que repercute de xeito directo na economía e no emprego locais, así como na dinamización dos barrios e vilas.

Asociación de Comerciantes de Ferrol Centro

Ademais, o director xeral e a delegada territorial da Xunta en Ferrol reuníronse con representantes da Asociación de Comerciantes de Ferrol Centro cos que intercambiaron impresións sobre a actividade e proxectos desta entidade. 

Alí tamén puxeron de relevo o labor dos centros comerciais abertos na revitalización do comercio local e lembrou que este ano o Goberno autonómico destinou 2,25 millóns de euros á convocatoria de axudas para a innovación e dinamización destes centros. Con estas achegas, a Xunta busca promover a revitalización do comercio local como elemento esencial do desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024