O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica reiterou a posición expresada onte pola conselleira de Política Social e Igualdade na Conferencia Sectorial

A Xunta defende que a acollida de 26 menores non acompañados demostra que Galicia é unha comunidade solidaria e responsable

Nunha intervención parlamentaria, Jacobo Rey insistiu en que o Goberno galego seguirá reclamando recursos ao Executivo central para atender axeitadamente a estes menores

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia. Na súa intervención, reiterou a posición expresada pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, na Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia celebrada onte. Unha reunión na que votou a favor da acollida de 26 nenos, nenas e adolescentes non acompañados (NNAMNA) de Canarias e Ceuta e reivindicou a Galicia como unha comunidade solidaria, responsable e á altura das circunstancias.

O director xeral defendeu que acoller aos menores non acompañados é unha cuestión de humanidade, pero que debe facerse en condicións. Para iso, apuntou, é necesario traballar con previsión, planificación e coordinación entre o Goberno central e os autonómicos, contar cunhas regras de xogo claras e equitativas, iguais para todas as comunidades, e dispoñer dos recursos que garantan unha atención axeitada aos menores mentres formen parte do sistema galego de protección, que é o máis importante.

O sistema de galego de protección

Nese sentido, Jacobo Rey lembrou que, como explicou onte a conselleira, acoller un rapaz non é só ofrecerlle aloxamento e cubrir as súas necesidades básicas, xunto á súa educación e a súa asistencia sanitaria. Tamén é asumir o compromiso de acompañalo ao longo de toda a súa infancia e adolescencia e, engadiu, axudalo a construír un proxecto vital de cara á súa emancipación. Un traballo no que quixo recoñecer o labor fundamental das entidades sociais implantadas en Galicia.

O director xeral lamentou que, mentres as comunidades levan anos axudando na medida das súas posibilidades ás zonas saturadas pola migración, o Goberno central actúa con deslealdade, atacando aos Executivos autonómicos con medias verdades ou, directamente, falsidades. A realidade, concluíu, é que Galicia leva meses esperando a que cheguen os 28 mozos que se lle asignaron en 2023, e que a vontade da Xunta é seguir axudando a Canarias, Ceuta e Melilla dentro das súas posibilidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024