A Xunta destaca que Galicia conta cun dos servizos de tratamento psicolóxico a vítimas de violencia de xénero máis completos de España

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destaca que en Galicia as vítimas de violencia sexual si teñen atención xurídica gratuíta

No ámbito da prevención, estima que cando remate o verán, máis de 10.000 persoas terán pasado polas áreas de igualdade e puntos lila e arco iris instalados pola Xunta nos festivais galegos 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou esta mañá que Galicia conta cun dos servizos de tratamento psicolóxico a vítimas de violencia de xénero e de violencias sexuais máis completos de España, ademais de ofrecerlles atención xurídica gratuíta. Fíxoo durante a súa intervención na  Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, onde defendeu e explicou o labor do Goberno galego na prevención e atención ás violencias sexuais.

Durante a súa intervención, subliñou, por unha banda, o traballo de atención ás vítimas de violencias sexuais, cun programa específico de intervención terapéutica con mulleres vítimas de abuso e violencia sexual; e, entre outros recursos de atención, salientou o programa de atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero, ás súas fillas e fillos e outras persoas da contorna familiar, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, dotado co orzamento máis alto da historia, 350.400 euros este ano. 

Asistencia gratuíta as vítimas de violencia sexual

Mais alá de expoñer como Galicia foi e sigue a ser referente en España a nivel lexislativo neste eido, María Quintiana fixo fincapé no feito de que en Galicia as vítimas de violencia sexual si teñen atención xurídica gratuíta, a través dunha persoa profesional da avogacía especializada en delitos contra a liberdade sexual grazas a un convenio co Consello da Avogacía Galega. O obxectivo é establecer un sistema integral de atención ás mulleres vítimas de violencia sexual que comprenda o asesoramento e a maneira de exercitar os seus dereitos.

Ademais, a directora xeral avanzou que esa atención completarase cos centros de crise 24h que se porán en marcha a finais de 2024 en cinco cidades galegas e que se consolidarán como un recursos esencial no territorio galego para a atención de vítimas de violencia sexual. 

Máis de 10.000 persoas nos festivais

En canto á prevención, ademais de expoñer moitos dos programas a nivel educativo e coa mocidade postos en marcha pola Xunta de Galicia, María Quintiana estimou que, ao longo do verán, máis de 10.000 persoas terán pasado polas áreas de igualdade e puntos lila e arco iris instalados polo Goberno galego nos festivais de maior afluencia. Así, recordou que, grazas a catro profesionais especializadas neste eido, é un lugar de reflexión, sensibilización e aprendizaxe en clave de igualdade de xénero.

Ademais, avanzou que ademais do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTIfóbicas nos espazos de ocio nocturno, xa en vigor, nas próximas semanas aprobarase outro específico para eventos e espazos festivos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024