O delegado territorial da Xunta, acompañado do alcalde de Baltar, presenta a "36ª edición do Campionato de España de Parapente 2024", que se desenvolverá na serra do Larouco, concello de Baltar, do 14 ao 20 de xullo

Manuel Pardo subliña a estreita vinculación do deporte e o turismo na provincia de Ourense

O delegado territorial recalcou a intención de consolidar a nosa provincia como un destino ambiental, social e economicamente sostible procurando a responsabilidade de todos os axentes no desenvolvemento equilibrado e a longo prazo

Manuel Pardo subliñou que “o interior de Galicia, especialmente da provincia de Ourense, é un destino que cada vez esperta máis atractivo”

A proba, organizada polo club de Parapente Baltar coa colaboración do concello, conta coa participación de 135 pilotos máis o seus acompañantes, que o converterá no evento máis importante do calendario oficial de parapente dentro da Real Federación Aeronáutica Española

O representante do Goberno galego lembrou a recente sinatura dun convenio de colaboración co INORDE para reforzar as actividades de dinamización turística na provincia

Ourense, 11 de xullo de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, puxo de manifesto a importancia do vínculo que ten o deporte e o turismo e a oportunidade estratéxica que supón esta alianza nunha provincia que conta cun patrimonio natural que debemos artellar como modelo europeo de turismo sostible.

O representante do Goberno galego recalcou a intención de consolidar a nosa provincia como un destino ambiental, social e economicamente sostible procurando a responsabilidade de todos os axentes no desenvolvemento equilibrado e a longo prazo. Salientou, ademais, a importancia dos produtos asociados ao turismo activo e recordou que, para seguir avanzando na súa posta en valor, o Goberno autonómico traballa na elaboración da futura folla de ruta do turismo de Galicia, a Estratexia do Turismo de Galicia 2024-2030 da man da sustentabilidade e dixitalización, entre outros aspectos.

Deste xeito Manuel Pardo subliñou que “o interior de Galicia, especialmente da provincia de Ourense, é un destino que cada vez esperta máis atractivo. Somos conscientes de que nesta zona da nosa comunidade, marcada por unha orografía montañosa, podemos atraer un turismo de nicho, un turismo activo que valore especialmente o contacto coa natureza”.

Así o fixo esta mañá na presentación da 36ª edición do Campionato de España de Parapente 2024, que por primeira vez se desenvolve en Galicia, na serra do Larouco, concello de Baltar, do 14 ao 20 de xullo.

Acompañado do alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, destacou que a proba, organizada polo club de Parapente Baltar coa colaboración do concello, conta coa participación de 135 pilotos máis o seus acompañantes, que o converterá no evento máis importante do calendario oficial de parapente dentro da Real Federación Aeronáutica Española.

A Serra do Larouco está situada entre o Concello de Baltar (España) e o Municipio de Montalegre (Portugal). Esta cadea montañosa granítica  esténdese ao longo de 10 km de NE a SW ofrecendo unhas excelentes condicións para o voo de Cross. Alcanza os 1.525 metros no seu punto máis alto (despegue) e ofrece a posibilidade de despegues en todas as configuracións: N,S,E e W.

Convenio colaboración coa Deputación de Ourense

O delegado territorial lembrou a recente sinatura dun convenio de colaboración co INORDE para reforzar as actividades de dinamización turística na provincia, onde se manifesta o compromiso da Xunta co desenvolvemento da provincia de Ourense e o seu papel para contribuír a diversificar a actividade turística de Galicia.

Explicou que a provincia de Ourense absorbe preto do 7% da demanda turística galega e no que levamos de ano, os establecementos turísticos da provincia acolleron nos cinco primeiros meses do ano algo máis de 139.000 viaxeiros aloxados e preto de 257.000 noites en Ourense. Ademais, en Ourense o 90% da demanda concéntrase no segmento hoteleiro, cuxa demanda está a medrar un 3%.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024