O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou no acto de inauguración do evento "O Encontro da Toxa 2024"

A Xunta destaca o papel da transformación dixital e a intelixencia artificial para o impulso dun mercado laboral galego máis dinámico, aberto e inclusivo

José González destacou a importancia de potenciar o Diálogo Social -avanzando a invitación á CIG para que participe neste espazo- e remarcou a vontade de elaborar un estudo que avalíe os impactos que tería o recorte da xornada laboral en Galicia

Puxo en valor a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia co apoio da intelixencia artificial para casar oferta e demanda e mellorar a empregabilidade dos galegos e galegas que busquen activamente traballo

Salientou a Rede de polos de emprendemento de Galicia, con 14 centros activos e máis de 2.100 proxectos atendidos

Destacou a Estratexia Galicia Retorna 2023-2024 para impulsar o retorno de máis de 30.000 galegos e galegas residentes no exterior e que se seguirá perfilando coa visita este mes á Arxentina e ao Uruguai

O Grove (Pontevedra), 11 de xullo de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe no acto de inauguración da cuarta edición do evento O Encontro da Toxa 2024, no que tamén interviron o presidente do consello rector de Cesuga, Venancio Salcines, e a responsable do servizo de estudos, políticas públicas e relacións institucionais do Banco Santander, Bárbara Navarro. O Encontro da Toxa é un foro económico de referencia en Galicia que organiza Cesuga coa colaboración da Xunta de Galicia. Con máis de 70 poñentes e 400 asistentes, a Illa da Toxa convértese entre hoxe e mañá nun espazo de valor compartido, de cooperación e sinerxías entre o tecido empresarial, o mundo universitario e o sector público, co foco posto este ano nas oportunidades que ofrece a transformación dixital e a intelixencia artificial.

Nesta liña, o titular de Emprego, que tamén participou nunha das mesas redondas, puxo en valor a importancia desta cita clave para as persoas emprendedoras, para que saiban como aplicar a dixitalización e como está cambiando a forma de crear novos negocios, lembrando a aposta firme do Goberno galego polo emprendemento e destacando que Galicia vén de recibir o premio Rexión Emprendedora Europea 2025, importante aval da estratexia da Xunta para crear actividade empresarial que xera riqueza, emprego e fixa poboación.

Salientou na súa intervención a importancia da colaboración público-privada e a escoita activa á hora de abordar as políticas de emprego e emprendemento, remarcando a importancia de afondar no Diálogo Social, avanzando que vén de invitar de xeito formal á CIG a participar neste espazo. Neste mesmo contexto, remarcou a vontade de elaborar un estudo que avalíe os impactos que tería o recorte da xornada laboral no tecido laboral de Galicia, co obxectivo de examinar as consecuencias na produtividade e tratar de protexer a empresas e traballadores galegos.

Intelixencia artificial e formación para mellorar a empregabilidade

No contexto da temática do foro, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor a aposta da Xunta por modernizar o Servizo Público de Emprego co apoio da intelixencia artificial a través da ferramenta EMi, dispoñible xa nas 54 oficinas de emprego de Galicia, co fin de cubrir as vacantes laborais e que permitirá realizar nun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas que estean buscando activamente traballo para mellorar a súa empregabilidade.

Tamén no eido do emprego destacou a oportunidade que ofrecen as microformacións para a actualización de capacidades e lembrou que esta semana vén de publicarse unha nova orde de axudas a entidades de formación para impartir cursos dirixidos a desempregados na convocatoria 2024-2025, cun orzamento de 76 millóns de euros, o máis alto dos últimos 15 anos, co que se aspira a cualificar unhas 18.000 persoas.

Apoio ao emprendemento e transformación dixital

No ámbito do emprendemento, destacou así mesmo o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego impulsada pola Xunta, cun total de 14 centros activos na actualidade e máis de 2.100 proxectos atendidos desde a súa posta en marcha.

Do mesmo xeito, mencionou outras ferramentas como o Mapa de emprendemento virtual, onde se integran os axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar un negocio en Galicia; iniciativas como os proxectos de coworking e coliving para fixar poboación rural, atraendo traballadores de alta cualificación que sexan nómades dixitais; ou o programa Xerme Ecommerce, unha nova aceleradora de proxectos de comercio electrónico presentada onte coa colaboración do Clúster do Ecommerce galego.

Comercio e retorno

José González destacou as boas cifras do paro en Galicia- sitúase por debaixo das 118.000 persoas por primeira vez na serie histórica – e a importancia de seguir creando emprego de calidade desde todas as vertentes, reforzando a competitividade e innovación do tecido empresarial galego; potenciando o comercio a través da futura Estratexia do comercio galego; e impulsando o retorno dos galegos e galegas no exterior.

Neste senso, puxo o foco na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 e referiuse ao Programa Retorna Cualifica Emprego, que ofrece en orixe traballos de calidade cos que volver a Galicia, complementados con formación e axudas para establecerse. Nomeou ademais ferramentas como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para fomentar a volta de xente nova con alta cualificación e destacou que esta aposta se seguirá perfilando coa viaxe prevista este mes á Arxentina e ao Uruguai. O obxectivo, explicou finalmente, é potenciar un mercado laboral aberto, accesible e sen fronteiras, onde a modernización sexa sinónimo de benestar e progreso equilibrado, brindando recursos próximos e axeitados, así como formación e servizos de emprego modernos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024