A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Liñares, reuniuse esta mañá con Carmen Quintanilla, presidenta nacional da Confederación de Federacións e Asociacións de Familias e Mulleres do Medio Rural, AFAMMER

A Consellería de Sanidade e AFAMMER abordan medidas para a mellora da saúde das mulleres do rural

Ambas as partes coinciden na necesidade de establecer canles de diálogo e coordinación para fomentar a promoción da saúde entre as mulleres do rural, favorecendo a igualdade de oportunidades

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2024

Representantes da Consellería de Sanidade e da Confederación de Federacións e Asociacións de Familias e Mulleres do Medio Rural, AFAMMER, mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo na que abordaron medidas para a mellora da saúde das mulleres no rural.

No encontro, que tivo lugar no complexo administrativo de San Lázaro, participaron, por parte da Consellería de Sanidade, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, e a xefa do servizo de Humanización e Atención á Cidadanía, Begoña García Cepeda. AFAMMER estivo representada na reunión pola súa presidenta nacional, Carmen Quintanilla; pola presidenta de AFAMMER-Lugo, Alicia López; pola presidenta de AFAMMER Ourense, Lola Ricobarrena; e pola presidenta de AFAMMER Arnoia-O Ribeiro, María Asunción Fernández.

Durante a xuntanza, ambas partes coincidiron na necesidade de establecer canles de diálogo e coordinación para fomentar a promoción da saúde, especialmente entre as mulleres do rural, favorecendo a igualdade de oportunidades. 

As representantes da entidade expuxeron o seu programa “Empoderamento na saúde das mulleres”, unha iniciativa coa que buscan promover a saúde integral da cidadanía e, de xeito específico, a saúde das mulleres no rural co obxectivo de que reciban a mellor atención sanitaria posible, especialmente, aquelas que sofren violencia ou están en risco de sufrila.

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria manifestou o apoio da Xunta a todo tipo de iniciativas que, como a presentada por AFAMMER supoñan un avance na mellora da saúde e de benestar das mulleres rurais de Galicia.

Resaltou, así mesmo, o compromiso e o labor realizado pola entidade de cara a avanzar a unha sanidade máis inclusiva a través do programa presentado, que pretende ofrecer recursos específicos a nivel comunitario para a promoción integral da saúde e minimizar as secuelas en mulleres causadas por factores biolóxicos ou sociais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2024