Villares reclama ao Goberno central que “cumpra coa súa palabra” e abone as compensacións aos mariscadores afectados pola dragaxe da ría do Burgo

O responsable autonómico critica que o Estado aínda non remitiu o estudo da situación da ría, como require a declaración de impacto ambiental da obra, pese a que o prazo que outorgaba o  citado documento venceu fai quince días

Tamén reclama ao Executivo estatal que cumpra cos compromisos adquiridos como promotores da dragaxe e denuncia que as sementeiras non foron realizadas conforme establecía o proxecto poñendo en risco a produtividade dos bancos afectados 

A Consellería do Mar, xunto a asistencia técnica da confraría, leva a cabo o seguimento da biomasa de bivalvos para comprobar tamaño e cantidades para así determinar o mellor momento para retomar a extracción nas zonas sen afección directa da dragaxe 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, exixe ao Goberno central que “cumpra coa súa palabra” e asuma as súas obrigas como promotor das obras de dragaxe da ría do Burgo. Tamén reclama que desde o Executivo estatal se concreten as anunciadas liñas de axudas para compensar economicamente ás 80 familias afectadas pola paralización da actividade marisqueira. “Así o establece o propio proxecto elaborado por eles, a Xunta non se está inventando nada” destaca á vez que recorda as reiteradas ausencias de representantes do Estado ás reunións con representantes do sector, “o que demostra a súa falta de interese sobre o tema e de sensibilidade cos profesionais afectados” afea.

O responsable autonómico volve a reclamar ao Executivo central a que remitan o estudo da situación actual da ría do Burgo, unha vez que finalizaron os traballos de dragaxe e en cumprimento do establecido na propia declaración de impacto ambiental do proxecto, que outorgaba un prazo dun máximo de dous meses que xa venceron fai quince días. O documento recolle un estudo batimétrico e de natureza litolóxica da zona de actuación así como a caracterización da calidade dos sedimentos superficiais dos fondos da ría. “A que agardan para facelo?” se pregunta.

O conselleiro do Mar amosa o apoio ás demandas do sector ante a situación xerada polas obras e recorda que, como recolle o propio proxecto de obra, non se poderá restablecer a actividade extractiva nos bancos afectados ata que os bivalvos acaden un tamaño comercial. Nesta liña, puxo en valor o traballo que ven facendo desde a Consellería do Mar, xunto coa a asistencia técnica da confraría, de seguimento da biomasa dos bivalvos para comprobar o tamaño e cantidades para así poder determinar o mellor momento para retomar a actividade marisqueira nas zonas nas que non houbo unha afección directa pero si indirecta pola paralización da actividade e o movemento de sedimentos. Así explicou que é xusto nestas zonas nas que a confraría pode acollerse ás liñas de axuda da Consellería para rexenerar e facer sementeiras das zonas improdutivas. 

Incumprimentos do Estado 

Alfonso Villares denunciou que a sementeira realizada pola empresa contratada polo Goberno central para acometer a dragaxe da ría do Burgo “se fixo in extremis e mal” e reclama que se cumpra co establecido no proxecto e na súa declaración de impacto ambiental. “Quixeron cumprir os prazos de execución sen importar se atendía ao proxectado inicialmente” afirma. 

 

Ademais, acusa ao Miteco de non dicir a verdade no informe de seguimento ambiental de abril que sinala que se procede a realizar a sementeira conforme a declaración de impacto ambiental do proxecto, “cando é evidente que para nada foi así”. Tamén indicou que banco do Carniceiro, utilizado polo marisqueo a pe, non ía a estar afectado pola dragaxe segundo proxecto , porén, viu reducida a súa superficie ao redor dun 50%, sendo un dos máis importantes desde o punto de vista económico para a confraría.

Nesta liña, só foron sementadas dúas das catro especies existentes previamente ás obras, en menos unidades das necesarias para unha correcta rexeneración e polos propios operarios da obra, sen a debida cualificación, xa que os propios mariscadores se negaron a participar polos constantes incumprimentos e as deficiencias detectadas. Unha actuación que deixa a estes bancos marisqueiros en malas condicións para a súa recuperación o que terá unhas consecuencias nefastas para a produtividade marisqueira nesta zona. “Desde o Goberno galego reiteramos o noso apoio ao sector e as súas demandas e seguiremos traballando por garantir o futuro da actividade marisqueira na ría do Burgo” remata

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/07/2024