O presidente do Goberno galego asistiu á inauguración da exposición ‘A Era das Fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’ no Museo de Pontevedra

Rueda salienta o papel da cultura á hora de conservar e difundir a identidade e tradicións dun territorio

Asegura que a través dos contos e fábulas é posible coñecer os cambios na realidade social dunha terra ao longo do tempo

O Goberno autonómico ultima a Lei de cultura inclusiva e accesible para garantir o acceso a este tipo de actividades de toda a cidadanía

O programa ‘CulturON’ achega este verán máis de 30 actividades culturais diarias a 200 concellos da comunidade

Pontevedra, 10 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a importancia do sector cultural para a conservación da identidade dun territorio, xa que permite transmitir de xeración en xeración as tradicións e a historia.

Así o fixo esta tarde no Museo de Pontevedra, onde o titular do Goberno galego, acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu á inauguración da exposición A Era das Fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía, unha mostra de pezas artísticas dos séculos XX e XXI vencelladas ao mundo dos contos e as fábulas que poderá visitarse ata o vindeiro 29 de setembro. 

Durante a súa intervención, Rueda salientou que a través deste mostra -organizada pola Deputación e o Museo de Pontevedra en colaboración coa Fundación María José Jove e o Musseo Thyssen-Bonermisza Art Contemporary e centrada no mundo da ficción-, os visitantes poderán coñecer mellor a realidade social da Galicia durante diferentes épocas da historia recente. 

A Xunta leva anos apostando por promover o sector cultural galego e facelo accesible para toda a cidadanía, en liña cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible que o Goberno autonómico agarda ter en vigor antes de que remate o ano para garantir o acceso á cultura a toda a cidadanía. Ademais, de xeito paralelo, a Administración galega ten en marcha este verán o programa CulturON con máis de 30 actividades culturais diarias como música, teatro, circo ou promoción da literatura en 200 concellos. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024