A directora xeral de Patrimonio Natural participou na rolda de prensa de presentación desta proba deportiva

A Xunta salienta a proba deportiva Tripla Coroa Illas Atlánticas como modelo a seguir para equilibrar a protección e o uso sostible dos espazos naturais

Marisol Díaz subliña que esta actividade permitirá poñer en valor a riqueza natural do Parque Nacional e aumentar a súa proxección nacional e internacional 

Os 140 participantes, que proceden de España, Portugal, Andorra, Italia e Portugal, percorrerán 23 quilómetros entre a illa de Ons e Combarro, en Poio

Vigo, 10 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia salienta a proba deportiva Tripla Coroa Illas Atlánticas como modelo a seguir para garantir o equilibrio entre a protección e o uso sostible dos espazos naturais da Comunidade.

Durante a presentación da proba que se desenvolverá o vindeiro 7 de setembro entre a praia de Area dos Cans, na illa de Ons, e Combarro, no Concello de Poio, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, subliñou que esta actividade permitirá poñer en valor a riqueza natural do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e aumentar a proxección nacional e internacional deste espazo protexido.

Nesa liña, a directora xeral incidiu no compromiso do Goberno galego con actividades que contribúan a promover a responsabilidade, o respecto e a conservación da contorna así como a concienciar da necesidade de protexer o medio ambiente.

Así, ao abeiro desta proba deportiva, desenvolveranse varias actividades en colaboración co parque nacional: unha ruta guiada pola illa de Ons; un concurso de fotografía para escoller as tres mellores imaxes da illa e unha recollida de residuos na praia de Area dos Cans, coa que, baixo o lema Mollámonos polo medio ambiente, se pretende promover a concienciación ambiental.

A maiores, cómpre indicar que durante a travesía a nado instalaranse contedores nos barcos de avituallamento para a recollida de refugallos dado que estará totalmente prohibido tiralos ao mar, en cuxo caso o nadador será descualificado.

Este ano celébrase a terceira proba da terceira edición da competición Tripla Coroa Illas Atlánticas de Galicia despois de que en 2022 tivese lugar a primeira actividade coa travesía entre Cíes e Baiona e o ano seguinte se celebrase entre Sálvora e Ribeira.

Nesta ocasión, os 140 participantes, que proceden de España, Portugal, Andorra, Italia e Portugal, percorrerán 23 quilómetros entre a illa de Ons e Combarro, no Concello de Poio, pasando por Tambo. Trátase da travesía máis longa das tres realizadas e a duración media estimada prevese que estea por encima das oito horas, o que dá mostra da esixencia desta travesía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024