A Xunta e Agalcari asinan un convenio para impulsar a promoción do patrimonio marítimo galego e o fomento da carpintería de Ribeira

O acordo con esta entidade financia as actuacións previstas ata o 30 de novembro do 2024 consistentes na dinamización e promoción da recuperación do patrimonio marítimo flotante

Alfonso Villares destaca a importancia das carpinterías de ribeira como un dos oficios fundamentais dentro do patrimonio mariñeiro de Galicia

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

A Consellería do Mar e a Asociación Empresarial Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) asinaron un convenio co fin de financiar as actuacións dirixidas á dinamización e fomento da carpintería de ribeira. Esta entidade desenvolve actividades de recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego, con especial énfase na defensa e promoción dos intereses económicos, sociais e culturais dos seus afiliados mediante unha constante labor formativa. O documento asinado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o representante de Agalcari, Ramón Collazo, recolle unha aportación por parte da administración autonómica de 30.000 euros para executar as accións previstas, entre as que están o fomento da recuperación do patrimonio marítimo flotante e a promoción das embarcacións tradicionais. 

Alfonso Villares destacou a importancia dun traballo nacido da sabedoría popular que constitúe un auténtico proxecto de país, pois a fabricación de barcos de madeira favorece a silvicultura sostible e vincula a dúas industrias estratéxicas, como son a forestal e a marítimo-pesqueira. Ademais, enxalzou o traballo de Agalcari para dignificar a construción  duns barcos cunha pegada de carbono próxima a cero e con pezas cen por cen reciclables, en procesos sustentables e cada vez máis optimizados con novas técnicas que permiten que se utilicen para renovar a flota da industria auxiliar da acuicultura ou de pesca artesanal. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 10/07/2024