O presidente do Goberno galego respondeu as preguntas dos grupos parlamentarios no Pleno do Parlamento de Galicia

Rueda salienta o compromiso da Xunta de duplicar o parque de vivendas públicas

400 novas vivendas xa están en execución e o obxectivo é chegar a un total de 8000 nesta lexislatura

Destaca os 31 millóns de euros que se destinan neste ano a axudas ao alugueiro

As bonificacións fiscais para compra de vivenda supuxeron aos galegos 400 millóns de euros de aforro

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o compromiso do Goberno galego de duplicar o parque de vivendas de promoción pública nesta lexislatura: “Acabamos de crear unha consellería de Vivenda específica. Esa conselleira xa conseguiu, coa colaboración de toda a Xunta de Galicia, ter xa en execución 400 vivendas en 100 días. E imos a polas 4000”, salientou.

Neste sentido, valorou os avances feitos nestes últimos anos, xa que desde o ano 2009 adxudicáronse máis de 4680 vivendas de promoción pública. Destas, 2403 son de nova construción ou recén rehabilitadas e 2281 de segundas adxudicacións.

Ademais, o titular do Executivo galego destacou as medidas en axudas ao alugueiro, que suman 31 millóns de euros, e as bonificacións fiscais para compra de vivenda: “Unhas rebaixas fiscais que permitiron aos galegos aforrarse máis de 400 millóns de euros para poder acceder a unha vivenda”, declarou. Unhas políticas que se suman ás que supuxeron achegar solucións para frear desafiuzamentos, que xa axudaron a máis de 4500 persoas en risco de exclusión.

O presidente destacou que a política de vivenda da Xunta axudou a un total de 163.000 familias galegas nestes anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2024