O director da Axencia Galega de Infraestruturas defende a sostibilidade económica das estradas galegas no congreso “Transforming roadMobility” que se celebra en Toledo

Francisco Menéndez participou hoxe xunto a responsables de estradas de distintas comunidades na mesa redonda que analizou as limitacións e propostas para a sostibilidade económica das redes de estradas

Pon o acento no incremento do 8% nos orzamentos da Xunta deste ano para manter as vías en perfectas condicións e reforzar a seguridade dos usuarios, destinado a este fin case 53 millóns de euros

Toledo, 9 de xullo de 2024

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez Iglesias, participou este martes no congreso Transforming roadMobility, promovido pola Asociación Española de la Carretera (AEC), que celebra a súa primeira edición en Toledo. Este simposio reúne a destacados expertos da Administración e profesionais para abordar ao longo de tres xornadas solucións que axuden a acelerar a transformación das estradas autonómicas no camiño cara un novo modelo de mobilidade.

Menéndez tomou parte na mesa redonda que analizou a “Sostenibilidad económica de las redes de carreteras. Limitaciones y propuestas de solución”, xunto a responsables de estradas das comunidades de Castela A Mancha, Andalucía e Murcia.

Na súa intervención, subliñou a importancia de manter as estradas existentes en boas condicións, para o que, as contas da Xunta deste ano incrementan o investimento destinado a este fin preto dun 8%, ata acadar os case 53 millóns de euros, para manter as vías en perfectas condicións e reforzar a seguridade dos usuarios. Este investimento posibilitará continuar con programas como o Plan de reforzos de firme, a conservación ordinaria e a vialidade invernal, a Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes ou o programa de control das pontes, obras de pasos, muros e noiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024