A xunta consultiva da Reserva dos Ancares aborda as próximas actuacións de mellora e o plan anual de caza

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participaron na xuntanza, na que se deu conta dos traballos de roza e acondicionamento que acomete a Xunta cun investimento de 600.000 euros

O Goberno galego xestiona esta Reserva de aproximadamente 7.800 hectáreas de superficie a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Cervantes (Lugo), 9 de xullo de 2024

A xunta consultiva da Reserva Nacional de Caza dos Ancares reuniuse hoxe para abordar as próximas actuacións previstas neste espazo, que suporán un investimento de 600.000 euros por parte da Administración autonómica. Tamén se tratou a proposta do plan anual de caza da tempada 2024-2025 e avaliáronse os últimos traballos realizados, así como os resultados cinexéticos do período 2023-2024.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participaron na xuntanza xunto con outros representantes das entidades que forman parte deste órgano consultivo, no que están presentes as administracións autonómica e local, asociacións de cazadores, organizacións en defensa da natureza e do territorio, Universidade de Santiago de Compostela ou representantes dos particulares propietarios de montes e outros terreos. O Goberno galego xestiona esta Reserva de aproximadamente 7.800 hectáreas de superficie a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Na reunión deuse conta das actuacións programadas para este ano e o seguinte -algunhas delas xa iniciadas-, entre as que destaca a mellora de 48 hectáreas de masas frondosas para incentivar a produción de froito; os tratamentos en 10 hectáreas para axudar á rexeneración da carballeira afectada polos lumes de 2017 en Vilanova do Pedregal; ou os tratamentos de consolidación da reboleira en 11 hectáreas de terreo na zona de Ortigoso.

A Xunta tamén acomete a sementeira de centeo en máis de 6 hectáreas repartidas en 21 lugares, coa finalidade de beneficiar as poboacións de perdiz vermella así como doutras especies. Do mesmo xeito, rozaranse máis de 180 hectáreas de campas e pasteiros naturais co triplo obxectivo de favorecer a gandaría extensiva, as especies da fauna cinexética e silvestre e reducir o risco de propagación de incendios. Estas rozas contribúen a manter libres de matogueira zonas boas para a alimentación da fauna.

A programación inclúe ademais a roza e acondicionamento de pistas e sendas; así como a sinalización de case 44 quilómetros de rutas de sendeirismo con carteis informativos e explicativos da contorna e dos seus elementos singulares.

A reunión tamén serviu para propoñer o plan anual de caza da tempada 2024-2025 consonte ao Plan de Ordenación Cinexética e os censos de poboación de rebezo, perdiz e xabaril. Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia prioriza o gran valor ambiental e natural deste espazo na xestión cinexética.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024