Medio Rural salienta os beneficios para os concellos do Plan de mellora de camiños rurais, dotado con máis de 19 M€ para 2024 e 2025

María José Gómez fixo balance das actuacións realizadas arredor desta iniciativa, que contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros no período 2016-2024 que se traducen en máis de 4.280 quilómetros de vías rurais melloradas

A titular de Medio Rural destacou que a provincia da Coruña foi a que máis achegas obtivo por parte da Consellería

Teo (A Coruña), 9 de xullo de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola alcaldesa do concello de Teo, Lucía Calvo, visitou hoxe esta localidade coruñesa e salientou alí o investimento do Plan de mellora de camiños rurais, dotado con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, está prevista unha actuación no concello de Teo. O financiamento faise con fondos Feader, con cargo ao Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e son subvencionables camiños de acceso a núcleos rurais de poboación.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de vida e traballo no medio rural xa que o fortalecemento das infraestruturas facilita a accesibilidade e vertebración do territorio, reforza o tecido social, contribúe a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamiza o tecido produtivo e fixa a poboación. Así, estas axudas promoven a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños que forman parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Nesta liña, o Plan de mellora de camiños permite garantir e potenciar o tránsito de vehículos e maquinaria.

Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.

Gómez engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. O Plan de mellora de camiños rurais ten unha traxectoria que se remonta a 2013 e este ano, por primeira vez, compleméntase co Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros.

En cada convocatoria do Plan de mellora de camiños rurais repártense entre os 313 concellos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2024